A asociación GPUL anunciou este luns o programa final para o IV Obradoiro de Criptografía, Privacidade e Seguridade que se celebrará do 14 ao 16 de maio de 2012 na Facultade de Informática da Coruña (Salón de Actos, andar 0).
Como sempre as xornadas contarán con interesantes charlas e obradoiros de expertos locais no campo, que expoñerán as últimas técnicas coas que están a traballar. Mais este ano conta coa presencia do gran especialista internacional o Doutor Ross Anderson, da Universidade de Cambridge, que impartirá o mércores 16 ás 10:00 horas a súa charla titulada Cryptology and security – where is the research frontier?"
O doutor Ross Anderson pertence ao Grupo de Seguridade do Laboratorio de computación, participou en varios desenvolvementos de algoritmos de cifrado como as primitivas Bear, Lion e Tiger ou o código de cifrado de bloques Serpent; investiga nas relacións da economía e a seguridade da información, na fiabilidade dos sistemas de seguridade, na robustez dos protocolos de seguridade… e é tamén un defensor das liberdades no mundo dixital.
Nesta charla discutirá sobre os problemas da investigación en temas de cifrado e seguridade así como nas diversas compoñentes que inflúen na construción de sistemas seguros.
O programa completo conta coas seguintes intervencións:
luns 14
- 15:30 Apertura das xornadas
- 16:00 Breaking systems security with free software. Jesús Pérez, Quobis. Carlos López, Igalia.
- 18:00 Os teus contrasinais son públicos: como non programar aplicacións baseadas en TLS. Vreixo Formoso e Victor Prieto da UDC
Martes 15
- 16:00 Port Knocking en GNU/Linux. Daniel Murias da FIC
- 18:00 FreeBSD Jails: There is no escape. Alejo Pacín. GPUL
Mércores 16
- 10:00 Cryptology and security – where is the research frontier? Ross Anderson, Universidade de Cmabridge
- 12:00 Seguridade nas aplicacións Web. José Mato da FIC
- 14:00 Peche das Xornadas
Para coñecer o detalle de cada unha das charlas podedes consultar a Axenda do programa ou Cartel co programa completo.
Estas xornadas son de carácter gratuíto tan só é preciso inscribirvos nas mesmas aos efectos de facilitar o control do aforo.
Dende a directiva de GPUL agardan a vosa asistencia así como que desfrutedes co interesante e completo programa Así mesmo agradecen toda a difusión posible das xornadas para chegar ao maior número de público posible.
Estas xornadas contan coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña, da Universidade da Coruña, de Igalia e da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración coas AGUSL para o fomento, difusión e formación en software libre.
