A décima edición do Fórum Internacional Software Livre (Fisl), un dos maiores encontros de software libre do mundo, concluíu o pasado sábado 27 de xuño en Porto Alegre (Brasil) despois de catro días de charlas e obradoiros continuados arredor de tecnoloxías libres.
Segundo a organización, as xornadas pecháronse rexistrando unha marca de asistencia con máis de 8200 participantes e cunha valoración moi positiva ao ter contado coa representación de ata 27 países. Esta ampla asistencia, procedente de todo o mundo, permitiu poñer de relevo a importancia de potenciar as tecnoloxías libres nos diferentes lugares de orixe -independentemente das súas particulares condicións socioeconómicas- e posibilitou a posta en común das iniciativas levadas a cabo para facelo.
O encontro contou ademais coa intervención do presidente brasileiro, Lula da Silva, quen deixaba así clara a súa postura a favor do software libre como ferramenta fundamental para a inclusión dixital da sociedade. O dirixente de Brasil aludiu á importancia deste facendo uso de metáforas: “tivemos que decidir se iríamos á cociña a preparar o noso plato, cos nosos propios tempos ou se iriamos a comer o plato que Microsoft quería que a xente comese", dixo.
Lula da Silva explicou que as tecnoloxías libres proporciónanlle aos brasileiros unha oportunidade de innovación, respectando a creatividade e a particularidade do pobo. O presidente estivo acompañado por outros membros do executivo, entre eles a ministra Dilma Rousseff, quen destacou no seu discurso que coa implementación do software libre economizáronse máis de 370 millóns de reais (máis de 130 millóns de euros) ao non ter que pagar licenzas.
O goberno español tamén participou no foro a través da intervención da deputada Lourdes Muñoz Santamaría. A representante española defendeu o uso das tecnoloxías libres como garantía da democracia en todos os sectores da sociedade. Xunto con Juan Tomás García, representante de Hispalinux e do deputado federal membro da Comisión de Ciencia, Tecnología e Informática da Cámara dos Deputados, Paulo Teixeira, Lourdes destacou os avances da cultura do software libre en España.
En palabras súas, “apostar en software libre é unha oportunidade social e económica para todos os países. Principalmente en momentos de crise, como o que estamos a vivir agora, o software libre representa unha opción económica que está ao alcance de todos”, afirmou.
Fonte: Fisl
