- A Fundación Mozilla inclúe ao galego na listaxe de idiomas oficiais do seu popular navegador web, incluído no Galinux, o sistema operativo galego recentemente presentado.
-
O apoio da Consellaría de Innovación e Industria foi determinante para desbloquear unha situación paralizada durante os últimos cinco anos.
-
Mancomún está a traballar xa na tradución dos restantes compoñentes da suite Mozilla: Thunderbird, Sunbird, Seamonkey e Camino.
O popular navegador Firefox 3, produto promovido pola Fundación Mozilla, xa fala oficialmente galego. Despois de cinco anos de especulacións, avances e retrocesos e de moito esforzo por parte de todos os axentes involucrados, o galego é dende hoxe, de xeito oficial e definitivo, un dos idiomas dispoñíbeis para a descarga do Firefox 3.
Para culminar con éxito este proceso resultou fundamental a intervención da Consellaría de Innovación e Industria, que conseguiu desbloquear a situación de estancamento na que se atopaba o proxecto de localización ao galego do Firefox facilitando a interlocución coa Fundación Mozilla, que respondeu positivamente abrindo unha vía de traballo conxunta coa comunidade galega de tradución de software a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún). O pasado mes de outubro Mancomún xa anunciaba o lanzamento da versión beta en galego, mais houbo que esperar até o día de hoxe para ver incorporada esta versión oficial e definitivamente no repositorio de Mozilla.
Grazas a esta iniciativa, xa será posíbel descargar directamente o Firefox en galego dende a páxina oficial de Mozilla, tanto para Windows, Mac ou Linux, sen necesidade de extensións engadidas.
A polémica do Firefox
O proceso de tradución ao galego do navegador libre Firefox viviu un punto de inflexión a finais do pasado mes de maio. As palabras do co-fundador da Fundación Mozilla, Tristán Nitot, dando a entender que non había unha versión oficial de Firefox en galego porque en Galiza non había “voluntarios aos que lle importe o seu idioma” causaron a inmediata reacción da comunidade galega de localización, que se mobilizou facendo un chamamento para xerar unha resposta conxunta ante unhas declaracións que foron percibidas como “inxustas” e “ofensivas”.
En menos de 48 horas, esta comunidade obtivo o respaldo do propio Goberno Galego, grazas á intervención da Consellaría de Innovación e Industria, conseguindo que o propio Nitot emitira un comunicado público. Neste comunicado, o Presidente da Fundación Mozilla-Europa, recoñecía descoñecer a existencia da actual tradución ao galego, expresando a súa vontade para que a Fundación Mozilla, a Xunta e Mancomún puideran camiñar na mesma dirección co obxecto de lograr a tradución do Firefox 3 ao galego.
En definitiva, e tal como asegurou posteriormente o coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Xesús Manuel Benítez Baleato, “temos unha comunidade asentada, con experiencia e con motivación: iso é un feito obxectivo, contrastábel e incontestábel. E poder contar cunha comunidade ben cohesionada resulta fundamental para poder superar os obstáculos que van xurdindo polo camiño”.
Mozilla Firefox
Mozilla Firefox é un navegador web libre e de código aberto derivado do programa “Navigator” da empresa Netscape, a cal fixo público o seu código fonte en marzo de 1998. Dende aquel momento o navegador Firefox vén ampliando a súa cuota de mercado de xeito imparable, acadando xa o pasado mes un 20’78% e sobrepasando a quinta parte da cota de navegadores web.
A nova versión do Firefox 3 introduciu numerosas melloras con respecto á anterior versión. Co seu lanzamento, a Fundación Mozilla conseguiu mobilizar tanto á comunidade de software como á sociedade en xeral, tal e como se comprobou co récord de descargas acadado no día da súa publicación. Nese día Mozilla rexistrou más de 8,3 millóns de descargas en todo o mundo, superando con creces as expectativas situadas en torno aos cinco millóns.
Mancomún, apostando polo software libre
Coa inclusión do galego ao repositorio oficial de Mozilla, Mancomún completa un semestre cheo de éxitos na súa aposta polo software libre en Galiza. Alén do recoñecemento internacional que supuxeron as mencións feitas pola Unión Europea e a ONU, ou os espectaculares resultados estatísticos que sitúan a Galiza como líder na implantación de software libre empresarial dentro do Estado Español, o pasado día 11 de decembro o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentaba tamén o Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas.
O Galinux xurdiu co propósito de dar resposta á crecente demanda de recursos e servizos que tanto por parte da cidadanía, como das empresas e de distintos sectores da administración pública galega, viña manifestándose en torno á demanda recorrente dun escritorio ofimático multimedia en galego. O navegador oficial de Galinux é Firefox, non só debido a que se distribúe en galego, mais tamén debido ao espectacular incremento rexistrado no se uso así como pola grande cantidade de extensións e utilidades que incorpora.
A Consellaría de Innovación e Industria está a achegar entre os anos 2008 e 2009 un volume total de recursos de 2,3 millóns de euros para as diferentes iniciativas de software libre vehiculizadas a través de Mancomún e da creación das 3 oficinas universitarias. Con estas cifras, segundo os datos do INE do pasado mes de outubro, Galiza é xa líder no Estado na implantación de software libre nos sistemas operativos das PEMES (cun 8,2% fronte ao 7,8% de media no Estado)
