Fieis ao seu calendario Canonical publicou o pasado 23 de outubro a nova versión da súa distribución GNU/Linux, Ubuntu 14.10, con nome en clave Utopic Unicorn. Trátase dunha versión de mantemento que terá un período de vixencia de 9 nove meses, a partir deste mes.
Segundo informan dende a OSL do CIXUG, esta nova versión volve estar dispoñible integramente en galego, grazas unha vez máis á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu.
Esta comunidade, na que segundo se pode ver na súa páxina web participan actualmente 14 voluntarios, é quen de manter a adaptación de Ubuntu á nosa lingua local nun altísimo nivel. Así sitúan ao galego entre os únicos 10 idiomas do mundo que acadan o 100%, por riba de linguas coma o chinés e xunto ao alemán, ao español ou ao portugués cunhas comunidades de usuarios e colaboradores moito máis numerosas, polo que só cabe dicir que o equipo galego suple cantidade con calidade e esforzo.
Cómpre lembrar que moito do traballo de tradución preciso para dispoñer de Ubuntu en galego é herdado dos proxectos orixe que integran este sistema operativo como por exemplo o escritorio GNOME, o navegador Firefox ou a Suite ofimática LibreOffice, entre outros moitos, todos eles agrupados baixo o proxecto Trasno.
Novidades
No que respecta ás melloras ou novidades desta versión, cómpre ter presente que se trata dunha versión de mantemento, polo que están centradas fundamentalmente na área de compatibilidade con máis hardware, grazas á introdución do núcleo Linux 3.16 así como nas melloras notables no funcionamento de aplicativos web, especialmente aqueles que dependen da nube, ou servizos virtualizados no escritorio. Tamén trae a primeira versión da nova familia 4.3 da suite LibreOffice e unha das últimas versións, a 33 de Mozilla Firefox e versión 38 de Chromium.
Xunto co sabor tradicional de Ubuntu, actualízanse tamén os demais sabores con recoñecemento oficial:
- Edubuntu — Ubuntu para educación
- Ubuntu GNOME — Ubuntu co contorno de escritorio GNOME
- Kubuntu — Ubuntu co contorno de escritorio KDE
- Lubuntu — Ubuntu que utiliza LXDE
- Mythbuntu — Deseñado para a creación dun «home theatre PC» con MythTV
- Ubuntu Studio — Deseñado para edición multimedia e creación
- Xubuntu — Ubuntu co contorno XFCE
Toda a información e as ligazóns para descargar, instalar ou actualizar Ubunut poden consultarse nas notas de publicación.
Descarga directa: http://releases.ubuntu.com/14.10/
