Avísanos Damufo dun gran fito acadado na tradución do Joomla. Por fin é posíbel escoller o idioma galego durante a súa instalación.
Segundo nos conta, dende que saíra a versión 1.5.0 isto non era posíbel e, logo de case dous anos de esforzo e traballo para conseguilo, o obxectivo acadouse por fin con esta versión 1.5.11.
Así agora xa podemos dicir que Joomla está completamente traducido ao galego e ademais recoñecido como unha tradución acreditada de Joomla. Os paquetes de instalación en galego están dispoñíbeis en JoomlaCode.
Parabéns a Damufo polos seus esforzos de coordinación e tamén á xente de Ciberirmandade.org e do Proxecto Trasno que colaboraron dende os comezos na súa tradución.
Joomla! é un galardoado sistema de xestión de contidos que permite construír facilmente sitios web e potentes aplicativos en liña.
