Mancomún

O gañador da VI edición do Premio ao Mellor PFC con Licenza Libre recibirá 1.500€

Luns, 10 Xuño 2013

A Asociación GPUL vén de unirse aos patrocinadores da VI edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre cunha achega de 750€ que se unen aos 1.500€ que achega o CIXUG. Desta forma o gañador desta edición do premio recibirá 1.500€ e o proxecto recoñecido co accésit recibiría 750€.

Ambos patrocinios forman parte das actividades que o CIXUG e a asociación GPUL realizan con cargo aos respectivos convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a promoción e difusión do Software Libre en Galicia, no marco do Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia.

Banner do premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre. Patrocinadores

Dende a asociación GPUL queren contribuír deste xeito a aumentar o atractivo do premio para os posibles participantes, co obxectivo de que o número e a calidade dos proxectos presentados sexa maior.

Agardamos que os estudantes que estean en proceso de desenvolvemento do seu Proxecto de Fin de Carreira ou Fin de Grao, vexan que a elaboración do mesmo seguindo a forma de traballo das comunidades de software libre e seleccionando unha licenza libre para o seu proxecto pode permitirlles participar neste premio e recibir unha boa compensación económica polo seu traballo. Ademais serviralles tamén para que todos os participantes reciban o recoñecemento público do seu bo traballo, o que indirectamente pode permitirlles acceder a postos de traballo mellor valorados nun mercado laboral cada vez máis competitivo, onde a meritocracia e o recoñecemento son unha boa diferenciación co resto de competidores laborais.
Como indicabamos a semana pasada na convocatoria da VI edición do premio os requisitos que deben cumprir os proxectos son ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o Proxecto Fin de Carreira cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Por suposto, neste marco encadraríanse tamén aqueles proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas comeza hoxe e remata o 31 de outubro.

Se algunha asociación, empresa, entidade, … ten interese en patrocinar algunha categoría especial dentro deste premio pode poñerse en contacto organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Xunta de Galicia como da OSL do CIXUG.

Así mesmo todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa organización do premio.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal