A empresa báltica Ideelabor está en conversas co Goberno de Estonia para combinar a tecnoloxía de OpenID (un sistema de identificación aberto) coa tarxeta intelixente de identificación nacional. De se levar a cabo, Estonia sería o primeiro país en contar cun sistema de identificación baseado en OpenID.
Un dos fundadores da empresa Ideelabor, Martin Paljak, declarou que a empresa agarda que os primeiros servizos baseados nesta combinación estean dispoñíbeis en xaneiro do próximo ano. Segundo as súas palabras, “Partes do goberno de Estonia desexan poder empregar as características de OpenID. Agardamos que este entusiasmo faga que o goberno nos axude a pór en marcha esta solución e así poder utilizala como un servizo público”.
Ideelabor tamén está a considerar a súa idea para servizos comerciais, así como ofrecer os servizos básicos de forma gratuíta e outras partes logo do pagamento.
Os meses anteriores, esta empresa construíu un servizo web que permite aos sitios que son compatibles co OpenID acceder á tarxeta de identificación de Estonia mentres que o usuario mantén os seus datos en privado.
