O goberno de Navarra acaba de publicar a través dun FTP, para a súa descarga, toda a información xeográfica que posúe, máis de 160.000 ficheiros. Esta información pode ser descargada por calquera cidadán, institución ou empresa e pode ser empregada para calquera uso, xa que está publicada baixo unha licenza libre, CC-BY 3.0 que permite mesmo o emprego comercial desta información, co único requisito de citar a súa fonte.
Entre a información, que está ordenada en carpetas, pódense atopar mapas topográficos, ortofotos, modelos dixitais de elevacións e cartografía xeral.
Destaca tamén a posta a disposición de mapas específicos para dispositivos móbiles, que permiten a visualización de datos xeográficos nos mesmos, sen conexión á rede.
Esta aposta do goberno de Navarra, permite, ademais de facilitar o acceso a este tipo de información, a posibilidade de creación de novos servizos e produtos por parte de empresas, resolvendo necesidades e xerando actividade en condicións de igualdade de coñecemento.
Este é tan só un primeiro paso no proceso de creación dunha Cartoteca e Fototeca, obxectivo enmarcado no Decreto Foral 255/2015 que regula o tratamento da información xeográfica da Administración Foral.
