Mancomún

O goberno de Reino Unido en vías de establecer o ODF como formato de uso obrigado

Xoves, 6 Febreiro 2014

ODF LogoImaxe do portal gov.ukO goberno de UK vén de publicar unha proposta para establecer o Formato de Documento Aberto (ODF) como o estándar para todos os seus documentos electrónicos editables, non só nos postos a disposición da cidadanía, senón naqueles de uso interno. Esta proposta estará aberta á recepción de comentarios ata o 26 de febreiro, momento no que se tomará unha decisión final acorde coas recomendacións obtidas.

O anuncio foi feito o pasado mércores 29 de xaneiro por Francis Maude, Minister for the Cabinet Office and Paymaster General, durante a súa intervención na conferencia “Sprint 14” en Londres sobre os servizos do goberno dixital.

A razón principal da necesidade de definir un estándar para os documentos producidos polo goberno é poder compartilos e colaborar na súa edición, naqueles que así o precisen, sen impor custos á cidadanía, aos negocios nin a outras administracións públicas. Noutras palabras, evitar a dependencia do provedor (vendor lock-in) ou o que é o mesmo, evitar escoller un provedor concreto só por razóns de formato e non por razóns de que sexa o que mellor cubre as necesidades técnicas e económicas. En palabras de Francis Maude, “Non se trata de prohibir o uso de ningún produto ou de impoñer unha lista arbitraria de estándares, senón de ver as necesidades dos nosos usuarios, establecer as nosas preferencias e asegurarnos de que podemos escoller o software que mellor cobra todos estes requirimentos.
Francis Maude aseguraba tamén estar convencido que este paso contribuiría a mellorar a situación das pemes TIC británicas. "Nuns poucos anos pasamos dun pequeno oligopolio de provedores de IT para crear un mercado máis aberto. E aínda así o software que utilizamos no goberno é aínda fornecido por só unhas cantas grandes empresas. Quero ver unha gama máis grande de software utilizado, de forma que as persoas teñan acceso á información que necesitan e poidan desenvolver o seu traballo sen ter que comprar unha marcar privativa particular. En primeiro lugar, isto axudaría aos departamentos a facer algo tan sinxelo como compartir documentos uns con outros máis facilmente." e engadía “A combinación entre o uso de estándares abertos e un sistema de contratación xusto será a combinación gañadora para as pemes británicas

A proposta de ODF como estándar

Esta proposta é o resultado dunha consulta pública que estivo aberta dende o pasado 4 decembro ata o 15 xaneiro, no Standards Hub. Este é o portal web que o goberno de UK puxo en marcha para levar a cabo, de forma aberta, transparente e inclusiva, a selección dos estándares abertos que empregarán en todos os seus departamentos.

En paralelo a esta consulta pública realizaron un estudo entre o persoal da administración para enteder para que usaban os documentos electrónicos, como traballaban con eles e con quen os compartían. As conclusións desta análise foron tamén feitas públicas.

En base a toda esta información recollida elaboráronse dúas propostas: proposta de estándares para documentos editables: ODF (nas súas versiósn 1.1 ou 1.2) e paralelamente CSV para documentos con información a tratar estatísticamente e proposta de estándares para visualización de documentos: PDF

Impacto

A noticia foi recollida en publicacións do mercado tecnolóxico en moitos estados membro de EU, incluíndo Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Alemaña, Italia e España. O sitio de noticias IT Inquirer falou cun portavoz de OASIS, a organización que mantén o estándar de ODF, quen afirmou que "Certamente, OASIS aplaude o uso do ODF no sector público. O noso estándar está avanzando nun proceso aberto e inclusivo, no que a participación dos gobernos é totalmenve benvida, e ademais o número de productos software que traballan co formato ODF continúa a medrar”

Na entrada da wikipedia podemos ver que exista un gran número de aplicacións que traballan co estándar ODF, tanto en software libre, (Libreoffice, OpenOffice, Calligra, Koffice …) como en software privativo (MsOffice dende a versión 2007) ou en servizos na nube gratuítos ou de pago (google docs ou zoho office suite). Isto é hai toda unha ampla collección de software no que escoller segundo as nosas necesidades.

En palabras de Rob Weir, en nome do Apache Openoffice Project Management Committee, “Segundo vaia medrando a adopción do estándar aberto incrementarase tamén a interoperabilidade e a posibilidade de escoller aplicacións que traballen con dito estándar.”

Fonte: JoinUp

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal