A Secretaría Xeral de Igualdade presentou hoxe a nova ferramenta que foi elaborada en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información
A Vicepresidencia do Goberno da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, e a Consellaría de Innovación e Industria, da man da Dirección Xeral de Promoción Industrial da Sociedade da Información, presentaron hoxe un novo aplicativo informático de software libre que ten como finalidade lograr o uso dunha linguaxe non sexista. A ferramenta, denominada Exeria, funciona como extensión do paquete ofimático libre OpenOffice.org e está baseado en Freeling 2.1.
A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, deu a coñecer en Santiago a nova ferramenta que facilita a revisión lingüística de textos, e ofrece opcións léxicas ante o que puideran ser termos que Exeria detecta como susceptíbeis dun uso sexista. Con isto, o aplicativo facilita a construción dun discurso máis inclusivo, e visibiliza o traballo de homes e de mulleres en todos os textos administrativos.
A idea inicial xurdiu coa intención de crear un glosario de linguaxe non sexista para facilitar a mellora no uso de expresións non discriminatorias. O proxecto, non obstante, foi evolucionando e, a raíz da colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, optouse por crear unha ferramenta máis interactiva que puidese ser empregada facilmente por todo o funcionariado.
Segundo explicou a directora xeral, “dende o noso Goberno estamos a apostar pola democratización do coñecemento e dende este Departamento imos facer un esforzo para que este aplicativo se coñeza e se utilice, porque é unha obriga da Administración a utilización de linguaxe non sexista”.
O produto Exeria enmárcase dentro dos obxectivos do V Plan do Goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes 2007-2010. Pero tamén nos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), dado o seu carácter innovador. Este feito constata a cooperación entre os distintos departamentos da Xunta e conxuga, neste caso, as estratexias no relativo á igualdade e á sociedade da información, segundo os enfoques transversais de ambas estratexias.
Ferramentas innovadoras contra a linguaxe sexista
O aplicativo para a edición de textos Exeria tivo como punto de partida a compilación dun corpus amplo da lingua procedente de textos administrativos. En total analizáronse preto de 130 mil lóns de palabras que deitaron aproximadamente uns mil termos susceptíbeis dun uso incorrecto.
Baseándose nisto, o grupo de persoas desenvolvedoras comenta que o Exeria realiza a corrección mediante a identificación dos termos mencionados e a súa etiquetaxe dentro de determinadas categorías morfolóxicas para permitir, segundo afirman, a corrección dos vocábulos acompañantes. O software utilizado para isto é o Freeling 2.1.
Asemade, o aplicativo para a edición de textos compleméntase cun buscador de equivalencias e solucións na rede. Todas estas ferramentas, xunto co código fonte, están dispoñíbeis no enderezo electrónico http://www.exeria.net.
A ferramenta foi desenvolvida conxuntamente pola cooperativa Tagen Ata e a consultora Imaxin|software.
Correctores galegos en OpenOffice.org
Dende que en xuño de 2006, Mancomún coordinou a tradución do OpenOffice.org ao galego, a comunidade de usuarias e usuarios galegos puideron beneficiarse dunha prolífica actividade de desenvolvemento de utilidades en volta ao ámbito lingüístico.
Así, no lanzamento do paquete ofimático localizado ao galego presentouse tamén o corrector ortográfico. Esta ferramenta, que se sostén desde entón por Mancomún, axústase ao estándar lingüístico de corrección e ten capacidade para revisión de sufixos e terminacións, de formación do plural, de acentuación, da segunda forma do artigo, de conxugacións, etc.
Posteriormente, en xuño de 2007 o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentaban o corrector gramatical para o galego Golfiño. Deste xeito, o galego convertíase na primeira lingua do Estado que contaba cunha ferramenta destas características. O Golfiño completaba as aplicacións lingüísticas do paquete ofimático OpenOffice.org e permitíalle ao seu procesador de textos detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia, entre outras funcionalidades.
Co novo corrector de linguaxe de xénero, os usuarios e usuarias do OpenOffice.org en galego dispoñen dun dos maiores repertorios de ferramentas abertas de corrección lingüística no mundo.
