O pasado día 1 de marzo tivo lugar na sede da Sociedade Informática do Goberno Vasco, a primeira das reunións de traballo entre CENATIC e o Departamento de Xustiza e Administración Pública do Goberno Vasco. CENATIC é o Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC baseadas en Fontes Abertas, unha Fundación Pública Estatal coa misión de promover e divulgar o uso do software de fontes abertas en todos os ámbitos da sociedade, cunha énfase especial nas administracións públicas e as pemes tecnolóxicas.
A incorporación do Goberno Vasco como Patrón da Fundación CENATIC foi aprobada na última sesión do Padroado da entidade, celebrada a principios de febreiro en Madrid, baixo a presidencia de Francisco Ros, Secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información.
Esta primeira reunión, serviu como punto de partida da actividade como Patrón do Goberno Vasco na Fundación CENATIC, e permitirá un coñecemento máis profundo dos plans estratéxicos que ambas as entidades están a levar a cabo na promoción do software de fontes abertas, así como a coordinación das liñas de actuación. Á aposta do Goberno Vasco polo software de fontes abertas hai que engadir a importancia que estas tecnoloxías teñen xa nas empresas, universidades e centros de investigación de Euskadi, onde o seu uso está bastante estendido.
Coa súa presenza no Padroado de CENATIC o Goberno Vasco continúa materializando a súa estratexia para o fomento das tecnoloxías con licenzas libres, complementado outras actuacións xa iniciadas. "Para nós é unha forma de dar cumprimento a un mandato do Parlamento Vasco, que instou ao noso Goberno a apostar polas tecnoloxías libres", comentou Idoia Mendia, Conselleira do Departamento de Xustiza e Administración Pública, que afirmou tamén que "o Goberno Vasco mantén unha aposta decidido polas novas tecnoloxías, e por ir máis aló de convencionalismos informáticos, potenciando o desenvolvemento dunha administración electrónica eficiente".
Pola súa banda, Sebastián Muriel, presidente da Comisión Executiva de CENATIC, e director xeral de red.es afirmou que a incorporación do Goberno Vasco "permitirá o desenvolvemento conxunto de accións e estratexias baseadas nas tecnoloxías libres, que achegarán valor en ámbitos como o empresarial e da administración pública". Por último, Miguel Jaque, director xerente de CENATIC comentou que "as vantaxes obxectivas do software libre xa son coñecidas por todos, pero habemos de seguir traballando para establecer desde as administracións públicas as ferramentas que nos permitan convertelas en oportunidades de negocio para as empresas, e unha fórmula de reutilización e optimización de recursos nas administracións públicas".
Fonte: CENATIC
