O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, acaba de informar recentemente na súa páxina web que esta asociación acadou a nada desprezábel cifra de 300 socios fai uns días.
Como cando se chega a unha cifra salientábel é un bo momento para facer reflexión, pois GPUL tamén aproveitou esta ocasión para facer un minucioso repaso a todo o que foi e fixo GPUL dende os seus comezos ata o que é e fai hoxe en día. Dende que se creou como un grupo de amigos interesados por unha tecnoloxía, un estilo de desenvolvemento e unha filosofía, nuns tempos en que case ninguén contaba con conexión a Internet e nos que de Unix só se falaba nas empresas e nas universidades. Ata actualidade do GPUL, do que destaca o seu gran traballo de promoción e difusión do software libre, como reflexa o dato de que A Coruña ten un dos maiores índices de España de desenvolvedores de Debian por número de habitantes. Ou que a participación e organización en numerosos eventos axudaron a iniciar a moitos socios en grandes proxectos de software libre.
O GPUL foi creado hai xa máis de dez anos, alá polo ano 1998 na facultade de informática da Coruña. Ten por obxectivo principal dar a coñecer e promover o software libre na comunidade universitaria.
