
O GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), coa colaboración de GALPon, realizará unha nova entrega de cen equipos, reparados e listos para usar, a distintas organizacións sen ánimo de lucro de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Unha vez máis, isto é posible grazas ao traballo dos voluntarios do programa Gruvi e a colaboración da asociación GALPon. Os voluntarios encargáronse de reciclar e actualizar con software libre os equipos informáticos en desuso e obsoletos para o traballo diario da propia universidade.
Tras a recollida dos equipos realizaron unha completa limpeza dos mesmos, repararon os que non funcionaban, obtendo en ocasións un equipo funcional xuntando pezas de dous ou tres equipos e finalmente axustan e configuran os equipos coa distribución GNU/Linux especialmente deseñada para este tipo de equipos, GALPon MiniNo, concibida para sacarlles o máximo rendemento.
Pola súa banda, os membros da asociación GALPon encárganse da formación dos alumnos voluntarios que participan no Gruvi, ademais de desenvolver e manter a distribución libre GNU/Linux MiniNo.
Unha vez preparados os equipos clasifícanse para distintos usos e adáptanse ás solicitudes dos posibles receptores que o soliciten pero ademais, as entidades adxudicatarias destes «novos» equipamentos reciben un pequeno curso de formación sobre o manexo do novo sistema operativo instalado nos equipos.
Gruvi, GALPon e MiniNo, os ingredientes para a reciclaxe e reutilización contra a obosolescencia tecnolóxica
O GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo) naceu no curso 2005-2006 da preocupación pola reciclaxe e a reutilización do que acabarían sendo doutro xeito residuos informáticos. O xerme xurdiu ao decatarse que a Universidade de Vigo acumulaba unha morea de equipos informáticos que xa non respondían ás necesidades computacionais para a docencia ou a investigación. Mais, convenientemente preparados estes equipos poderían ser perfectamente recuperables para os obxectivos de numerosas entidades sociais, con escasos recursos para adquirir computadores.
Dende os comezos, contaron coa estreita colaboración dos membros da asociación GALPon, que se encargan de formar aos alumnos voluntarios que participan no Gruvi, así como de elaborar a distribución libre GNU/Linux MiniNo que os voluntarios se encargan de instalar nos equipos previamente reparados. Actualmente hai un total de 6 voluntarios inscritos, tres alumnos do mundo das enxeñarías, un de Belas Artes e dous máis doutras áreas que nada teñen que ver coa informática porque non é necesario, como explica Miguel Anxo Bouzada, presidente de GALPon e coordinador do proxecto Gruvi.
A vantaxe do software libre é, segundo palabras do coordinador do proxecto, que ‘podemos facer que funcione como nós queiramos, facemos uns axustes e unha selección moi coidada dos programas que se van a instalar para cumprir unhas funcións determinadas sen efectos nin cousas raras, para que sexa operativo e funcional‘. Isto non é posible cos sistemas operativos tradicionais como Windows ou Mac.
MiniNo
Como xa temos comentado en diferentes ocasións, GALPon mantén a distribución MiniNo destinada a funcionar en equipos con poucos recursos. Esta distribución naceu no ano 2008, e a súa última versión, de finais de 2012, é MiniNo Ártabros 2.0 da que contabilizan un total de 9.020 descargas (máis case 5.500 descargas da versión anterior Alguadaira 1.2.2)
O pasado ano, publicaron tamén unha adaptación especial desta distribución, orientada aos nenos, nomeada Picaros Diego, que tamén se instalou nalgúns dos equipos reparados polo Gruvi, para a asociación Berce, posto que o solicitou para traballar con menores. Esta distribución, segundo os datos ofrecidos por GALPon, contabiliza un total de 2.164 descargas.
