O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza é un dos proxectos destacados no documento
O documento salienta as iniciativas postas en marcha pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información como claves para ese éxito. Todas elas coinciden cos obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010, que terá un investimento global de 810 millones de euros, dos que o 84% son xestionados pola Xunta. O informe de seguimento do PEGSI detectou máis de 279 accións que responden aos obxectivos, liñas de actuación e iniciativas definidas no Plano.
Rede de Dinamización
Outra das iniciativas que se citan no informe é a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, instrumento para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S. I. e para o desenvolvemento rural. A rede, posta en marcha a finais de 2006, consolidouse como unha estratexia fundamental para promover o uso das TIC na sociedade galega, especialmente entre os colectivos máis afectados pola fenda dixital.
Conta con 82 persoas dinamizadoras, repartidas en 73 entidades, e que desenvolveron case tres mil obradoiros formativos, 1.700 horas de formación específica, 317 actividades de difusión e diversas xornadas, premios e concurso. Ademais, o 60% das usuarias son mulleres e cada vez participan máis persoas maiores.
Axudas TIC
Ademais, a Consellaría de Innovación e Industria prevé 5 millóns de euros en axudas para as empresas en materia de Sociedade da Información, o que supón un 66,6% máis de orzamento ca no ano anterior. As subvencións dividíronse en catro apartados: infraestrutura interna das empresas, aplicacións informáticas, apoio ao desenvolvemento do sector das TIC e formación técnica e promoción do sector das TIC. Todas elas enmárcanse nas estratexias de Aplicación das TIC polo tecido empresarial e Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información, do PEGSI.
Tamén se destinaron 5 millóns de euros para implantar redes de comunicación de acceso á internet de banda larga sen fíos, baseadas en Wimax, nos polígonos industriais e parques empresariais do país. Outro dos eixes de actuación do Goberno foi o apoio a proxectos de cooperación entre empresas, promovendo o asociacionismo, coa Administración Pública como axente de impulso. Un exemplo disto foi a constitución do Clúster TIC de Galiza, con 117 socios fundadores.
A Consellaría puxo en marcha varios servizos dixitais: o portal GaliciaPMS, para as pequenas e medianas empresas, que forma parte do espazo GaliciaXa, que pretende agrupar todas as iniciativas que Innovación e Industria pon ao dispor do tecido empresarial.
Infraestruturas
A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información segue a traballar para aumentar a dispoñibilidade de acceso aos servizos da Sociedade da Información en igualdade de condicións, especialmente no medio rural. Por iso, traballa nun plan director de extensión da banda larga á totalidade da cidadanía.
Puxo en marcha, ademais, 12 proxectos piloto de redes Wimax-Wifi para a extensión da banda larga en concellos rurais con especiais dificultades e, en cooperación coa Consellaría do Medio Rural, un proxecto de dinamización que inclúe rede Wimax en Samos e en Folgoso do Courel. Faise referencia, nesta mesma liña, ao Plan de Extensión de Banda Larga Rural (PEBA) do Ministerio de Industria en colaboración coa Xunta, que investiu 34 millóns de euros.
Un xeito de facer un seguimento destas actuacións é o Mapa de Telecomunicacións de Galiza, onde se informa das redes de fibra óptica, de telefonía, banda larga e de televisión analóxica e dixital do país.
Outros instrumentos
No informe dáse conta doutros instrumentos postos en marcha pola Consellaría para garantir a execución das súas políticas en relación coa Sociedade da Información, como a web Sociedadedainformación.eu, referencia da Estratexia Galega da Sociedade da Información, e o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI).
No relativo ás áreas nas que se fixo máis énfase no último ano en Galiza, salíentase a Estratexia Galega para a Sociedade da Información, que afianzou neste ano os seus instrumentos de actuación, e o impulso ás redes de banda larga e da televisión dixital terrestre (TDT), no que se refire ás infraestruturas de telecomunicacións.
Outro pulo importante da Administración foi a aposta pola interoperatiblidade e o coñecemento aberto, cun esforzo pola transparencia e a difusión dos materiais públicos, o apoio aos contidos en galego e o aumento da interacción entre a cidadanía e o Goberno, en áreas como a sanidade ou o ensino.
Fonte: Sociedade da Información
