Mancomún

O IV Concurso Universitario de Software Libre admitirá proxectos doutros ámbitos de formación superior

Mércores, 2 Setembro 2009

A Forxa continúa aberta aos proxectos participantes no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL

Concurso Universitario de Software LibreO Concurso Universitario de Software Libre arrinca un ano máis, traendo nesta edición unha importante novidade de cara a ampliar o número de participantes. Así, este curso estenderase a posibilidade de inscrición aos alumnos de Bacharelato, os ciclos formativos de grao medio e superior e aos estudantes de terceiro ciclo e de másters. Esta información fíxose pública onte na que foi a presentación oficial da que xa é a cuarta edición do certame.

Alén da gran novidade mencionada, o concurso manterá a mesma dinámica que en anos anteriores, co propósito xa reiterado de fomentar a creación e de contribuír á consolidación da comunidade de Software Libre no ámbito universitario, ampliado agora a outros ámbitos de formación.

Está previsto que a contía dos premios tamén sufra modificacións, incrementándose segundo a tendencia que se viña producindo e superando as cifras de 9.000 e 15.000 euros da convocatoria do 2008. No entanto, isto non se confirmará ata que a organización non peche o listado de patrocinadores, actualmente aberto á espera de entidades colaboradoras.
Os proxectos inscritos serán novamente liberados a través da forja de RedIRIS e daranse a coñecer cun blog, onde os participantes contarán a súa experiencia no desenvolvemento dos proxectos.

A fase de inscrición no concurso comezará o vindeiro 15 de setembro e permanecerá aberta até o 10 de outubro de 2009. A formalización da mesma realizarase a través da web do concurso.

Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL en Galicia

Na mesma liña mantense tamén aberto até o vindeiro 30 de outubro o prazo de inscrición para participar no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre en Galicia. Poderá facelo calquera estudante dalgunha das tres universidades galegas que defenda o seu PFC cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009.

Este galardón, organizado pola empresa galega Igalia coa colaboración de Mancomún, así como das tres universidades galegas, réxese sobre os mesmo principios que o Concurso Universitario de Software Libre pero restrinxido a súa participación a proxectos de fin de carreira e do ámbito galego.

A Forxa de Mancomún será un ano máis o punto de confluencia de todos estes proxectos en código aberto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal