Dende a Facultade de Informática de A Coruña infórmannos da oferta para o curso 2013/2014 da segunda edición do Máster Universitario en Enxeñería Informática pola UDC.
Segundo a información facilitada, o software libre vai ter unha presencia destacada na docencia do máster, na que se empregan linguaxes de programación libres e ferramentas libres específicas como por exemplo a linguaxe R. Ademais tamén vai estar moi presente o software libre nas prácticas en empresa así como nas temáticas das actividades complementarias á formación como seminarios, conferencias impartidas por destacados profesionais nas que a modo de exemplo destacan Libreplan, Opentrad, a accesibilidade en Gnome …
Ofértanse 30 prazas e o primeiro prazo de preinscrición remata ás 14:00 horas do vindeiro luns 8 de xullo de 2013.
O Máster Universitario en Enxeñería Informática, é un título que culmina o proceso de adaptación da oferta da FIC ao EEES, e que corresponde á formación do titulado superior en Enxeñaría Informática seguindo as recomendacións do marco profesional, sendo o título que asegura a adquisición de todas as competencias establecidas para a profesión de enxeñeiro informático.
Este máster universitario oficial caracterízase, por ofrecer unha formación avanzada, multidisciplinar e orientada á especialización profesional, ao tempo que establece unha ampla colaboración con empresas, que se concreta en conferencias, seminarios, na oferta de prácticas en empresa e no desenvolvemento do traballo fin de máster. Así ao alumnado garánteselle un amplo contacto co mundo profesional.
Este máster está dirixido a persoas tituladas en Informática ou titulacións afíns, que desexen ampliar, actualizar e consolidar os coñecementos necesarios para o seu desenvolvemento profesional .
O máster consta de 90 créditos ECTS estruturados en 60 créditos de materias no primeiro curso e en 30 créditos de prácticas en empresa y de traballo fin de máster no segundo curso.
Na páxina de preguntas e respostas sobre o máster pódese atopar diferente información relativa tanto ao máster como ao proceso de preinscrición e matrícula.
Nas seguintes ligazóns podedes consultar o cadro resume de materias do MUEI e o calendario provisional no que se impartirán as materias troncais.
A continuación incluímos as datas do primeiro período de Matrícula:
- Preinscrición: do 24 de xuño até ás 14:00 horas do 8 de xullo de 2013
- Publicación da listaxe provisoria de persoas admitidas: 12 de xullo de 2013
- Reclamacións: 12 ao 16 de xullo de 2013
- Publicación da listaxe definitiva: 19 de xullo de 2013
- Matrícula: do 20 ao 24 de xullo de 2013
Os dous seguintes prazos de preinscrición e matrícula serían en Agosto e Setembro respectivamente, que só se abrirán se quedan prazas libres nos respectivos prazos anteriores, polo que é recomendable preinscribirse e matricularse canto antes.
Máis información na web do MUEI da FIC da UDC.
