A última versión do aplicativo de correo electrónico Mozilla Thunderbird contén código fonte desenvolvido polos Servizo Militar Francés.
Thunderbird está instalado en 80.000 computadores do corpo militar francés, e é de uso obrigado.
A participación do Ministerio de Defensa co aplicativo de correo electrónico libre remóntase a 2006, cando se definiron os requirimentos de seguridade engadida á proporcionada por Mozilla Thunderbird para poder ser empregado polos militares franceses.
As principais modificacións de seguridade engadidas son a notificación do estado de entrega das mensaxes, a posibilidade de marcar as mensaxes de correo como urxentes e o aumento das opcións para a firma e a seguridade dos correos electrónicos. Un correo electrónico pode ser asinado, cifrado e e logo asinado unha vez máis para obter unha maior seguridade.
David Ascher, director executivo de Mozilla Messaging, nunha entrevista coa axencia de noticias financeiras Reuters dixo que "estes cambios permítenlles saber con certeza cando foron lidas as mensaxes, o que é crítico nunha organización de control e mando como a militar".
En xullo de 2007, o exército francés lanzou a súa propia versión de Mozilla Thunderbird, chamada Milimail, que máis tarde se rebautizou como Trustedbird , marca co-rexistrada con Mozilla.
Agora, para os militares franceses, o Thunderbird é de uso obrigado, agás nalgúns casos excepcionais. Así, o Thunderbird está instalado en 80.000 computadores do corpo militar francés. Segundo recoñeceu o tenente coronel Frederic Suel do Ministerio de Defensa e un dos responsables do proxecto, a Reuters, "comezamos cun único proxecto militar, a Gendarmería Nacional, pero rapidamente se xeneralizou. Os departamentos non militares do Ministerio de Defensa mostraron rapidamente do seu interese, que á súa vez levou a engadir novas características ao aplicativo.”
Outros ministerios e departamentos seguiron aos militares, e Mozilla Thunderbird tamén se emprega nos ministerios de Finanzas, o Ministerio do Interior e o Ministerio de Cultura.
A próxima versión de Trustedbird será lanzada en 2010. Trustedbird distribúese baixo tres licenzas: a MPL, a GPL e a LGPL. Isto significa que todas as modificacións e achegas ao código de Mozilla realizadas a instancias do ministerio francés pasan a estar a disposición de toda a comunidade de software libre.
Unha vez máis demóstrase na práctica unha das vantaxes do software libre, grazas á que calquera pode mellorar un aplicativo e que estas melloras revertan en toda a comunidade, o que sería impensable no modelo de software privativo.
Fonte: Osor
