Mancomún

O Ministerio de Educación crea un novo Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios

Mércores, 16 Setembro 2009

O pasado día 3 de setembro publicou o BOE a Orde do Ministerio de Educación 2341/2009 pola que se crea un novo Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas non Propietarios. O novo Centro dependente do Instituto de Tecnoloxías Educativas terá a sede en Extremadura e faise co apoio desa comunidade autónoma que achegará o local e parte do financiamento para actividades específicas.

A finalidade do novo centro será o deseño, o desenvolvemento e a promoción de contidos educativos dixitais para colectivos educativos específicos, no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, e centrarase na realización dos seguintes obxectivos:

  • Promover e desenvolver accións e estratexias destinadas a aumentar a dotación de contidos educativos dixitais dirixidos a colectivos educativos específicos, para uso do profesorado, do alumnado e das familias.
  • Promocionar e aplicar estratexias dirixidas a pór a disposición dos centros escolares recursos e contidos dixitais de calidade, desenvolvidos en software libre, multilingües e multiplataforma, no ámbito especializado do Centro (selección, avaliación e catalogación de recursos educativos dixitais).
  • Contribuír a facilitar e apoiar ambientes de colaboración, a nivel nacional e internacional, enriquecidos pola tecnoloxía, que melloren a calidade dos procesos de ensino/aprendizaxe para colectivos educativos específicos.
  • Promover e difundir o uso e aplicación por parte da comunidade educativa, no ámbito especializado do Centro, das Tecnoloxías da Información e a Comunicación baseados en sistemas non privativos.
  • Deseñar, elaborar, desenvolver, catalogar e avaliar contidos dixitais educativos libres, dirixidos a colectivos educativos específicos, que desenvolvan os currículos do sistema educativo.
  • Realizar acordos de colaboración con organismos, institucións ou empresas encargados de ofrecer recursos educativos dixitais co fin de impulsar o desenvolvemento do coñecemento libre.
  • Contribuír a situar a España como referencia no ámbito das tecnoloxías baseadas en sistemas non privativos.

Para logralo o Centro terá as seguintes responsabilidades:

  • Propor ao Ministerio de Educación a realización de investigacións ao redor de novos servizos e desenvolvementos para os centros escolares e a comunidade educativa.
  • Realizar estudos acerca da integración do TIC nos sistemas educativos dos países máis avanzados e as Comunidades Autónomas.
  • Propor criterios para definir os requisitos e características que deben reunir os contidos educativos dixitais multimedia de calidade.
  • Seleccionar e avaliar metodoloxías de base para analizar as competencias profesionais do profesorado que facilite a creación de contidos formativos no uso pedagóxico do TIC.
  • Desenvolver, na súa condición de instrumento básico ao servizo das políticas educativas do Ministerio de Educación con relación á adquisición da competencia dixital, actividades de difusión e promoción dos recursos educativos ofertados comunidade educativa a través de informes, análises comparativas, recompilación de documentación, participación en seminarios científicos, feiras, congresos.
  • Propor e abordar a creación de recursos educativos dixitais para os colectivos específicos que o demanden.
  • Facilitar a tradución de contidos ou ferramentas seleccionadas para a súa presentación co fin de fomentar o ensino bilingüe.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal