O ministerio de xustiza turco, todas as súas institucións e todos os tribunais están estudando a migración total ou parcial cara un escritorio de fontes abertas, segundo as declaración do xuíz Cengiz Tanrikulu. Esta migración completaría a construción do Sistema de Información Nacional de Xustiza (UYAP, Ulusal Yargi Aği Projesi) baseado en software libre. O xuíz Tanrikulu, involucrado no desenvolvemento do UYAP, dixo que as oficinas dos xulgados están considerando o emprego da distribución Pardus, baseada en Linux e desenvolvida polo Instituto de Investigación Electrónica e Criptoloxía Turco. “Xa estamos a empregar OpenOffice en todos os escritorios dende 2007 o que nos axudou a aforrar billóns”.
O xuíz presentou o UYAP en Amsterdam o pasado mércores, nas xornadas organizadas por NoiV, o proxecto do goberno danés de estándares abertos e fontes abertas. O desenvolvemento de UYAP comezou en 2000 cun sistema de xestión documental, construído empregando compoñentes con licenzas abertas. Este sistema ofrece acceso aos documentos legais aos empregados do Ministerio, dos xulgados, policías, cárceres, Rexistro da propiedade,… Pode accederse tamén dende calquera teléfono móbil.
Portal para a cidadanía.
“Recentemente comezamos a implementación dun sistema para proporcionar e empregar sinaturas dixitais. Estamos construíndo un portal para ofrecer acceso aos 70.000 avogados de Turquía e tamén outro dirixido á cidadanía.” Así poderán acceder a través do sistema á lexislación ou aos casos dos tribunais.
O sistema UYAP, maioritariamente construído sobre Java, combina servizos de correo e Internet cun sistema de documentación, bases de datos legais e ferramentas para a xestión de recursos empresariais (ERP). “UYAP transformou o obsoleto sistema xudicial baseado nos papeis nunha organización cun funcionamento fluído, considerado revolucionario polos seus usuarios”, dixo o xuíz. “O software libre e os estándares abertos son o seu elemento chave”.
Segundo Tanrikulu, unha das maiores razóns do entusiasmo polo software libre, é que queren garantir que todo o software desenvolvido para o ministerio e os xulgados poida ser empregado por todas as demais institucións do goberno. “Empregando software libre isto conséguese facilmente”.
O sistema UYAP ten uns 46.000 usuarios e cada día procesa máis dun millón de documentos.
Fonte: OSOR
