Mancomún

O Observatorio Galego da Sociedade da Información publica dous informes sobre a Situación do SwL

Mércores, 11 Marzo 2009
  • O software libre xa está presente no 33,6% das PEME galegas e no 67,6% dos centros de ensino.
  • A porcentaxe de PEME galegas que dispoñen de software libre pasou do 10,1% en 2006 ao 33,6% no ano 2008
  • O uso do software libre nos centros de ensino experimenta un crecemento de máis de 47 puntos porcentuais no período 2006-2008, pasando dun 20% no ano 2006 a un 67,6% no ano 2008

OGSIO Observatorio Galego da Sociedade da Información publica os resultados da “Enquisa sobre o Software Libre nas Pequenas e Medianas Empresas de Galiza” e da “Enquisa sobre o Software Libre nos Centros de Ensino de Galiza”, correspondentes ao ano 2008.

O Observatorio, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é unha das iniciativas estabelecidas no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e ten como obxectivo avaliar a difusión e uso das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) en Galiza e medir a eficacia e o impacto das políticas públicas nesta materia.

Os informes publicados hoxe polo OGSI forman parte dun estudo máis amplo que analiza o grao de implantación do software libre en catro ámbitos estratéxicos: concellos, empresas informáticas, centros de ensino e pequenas e medianas empresas. Nas próximas semanas publicaranse tamén os informes dos restantes ámbitos de observación.

Este traballo dá continuidade ás enquisas e informes realizados polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, nos anos 2006 e 2007. Deste xeito, estabelécese un marco comparativo que permite estudar a evolución experimentada nos tres últimos anos, medindo o impacto das iniciativas desenvolvidas para a promoción do software libre.

O traballo de campo destes dous estudos contou coa realización dunha enquisa telefónica a 450 empresas galegas de 10 a 249 traballadores/as e a 253 centros de ensino. Os informes destas enquisas están ao dispor da cidadanía, que os poderá consultar a través da páxina web do Observatorio.

Principais resultados da “Enquisa sobre Software Libre nas PEME galegas”

O presenza do software libre nas empresas galegas experimentou unha evolución moi positiva no período comprendido entre 2006 e 2008. A porcentaxe de PEME galegas que dispoñen de software libre pasou do 10,1% en 2006 ao 33,6% no ano 2008.

Ademais deste crecemento global, un dos avances máis significativos no uso do software libre estase a producir nas empresas pequenas, de 10 a 49 traballadores/as. No último ano, o incremento no uso do software libre foi máis alto nas empresas pequenas que nas medianas, 11,9 puntos e 4,7 puntos, respectivamente. Con todo, nas medianas empresas está máis estendido o seu uso en termos relativos (44,6%), que nas pequenas empresas (32,5%). Deste xeito, semella que o efecto demostración do seu bo funcionamento dentro das empresas medianas está funcionando como un atractivo para a súa implantación nas pequenas empresas.

As empresas galegas usan máis o software libre nos ordenadores dos postos de persoas usuarias que nos servidores. Un 30,9% das PEME usa o software libre nos computadores de persoas usuarias, mentres que un 15,6% o utiliza nos servidores. Os aplicativos de software libre máis empregados polas PEME galegas son o navegador (18%), os aplicativos de ofimática (13,3%) e o xestor de correo (9,3%).

Aínda que no último ano se produciu un incremento significativo do idioma galego nos aplicativos informáticos, superando a posición marxinal e o estancamento dos anos 2006 e 2007, apenas o 8,3% das empresas galegas usa aplicativos en lingua galega.

Confirmando a evolución positiva da penetración do software libre, constátase que o nivel de satisfacción é alto entre as empresas galegas, que obtén unha puntuación de 7,9 sobre 10 e, por primeira vez, a valoración do software libre sitúase por riba do nivel de satisfacción do software propietario (7,4).

Esta percepción positiva vese reforzada polo feito de que dous terzos das empresas galegas considera que a presenza do software libre no mercado irá en aumento nos próximos anos e un 80,4% das PEME galegas que usan software libre recomendarían a súa adopción a outras empresas.

No entanto, a maioría das empresas que non usan software libre aínda non consideraron a posibilidade de instalalo. O descoñecemento ou falta de información é a principal causa sinalada por estas empresas para non usar o software libre (56,1%). A continuación, sitúanse a complexidade do cambio (15,4%), a incompatibilidade co sistema actual (15%) e a falta de formación do persoal da empresa (13,4%).

A enquisa indica que a maior parte dos provedores de software libre procede de Galiza (40,7%), seguido moi de preto polos procedentes de países non europeos (34,7%), principalmente a través de descargas directas ou compras vía web.

A demostración do funcionamento dos produtos de software libre (46,3%), a formación aos usuarios en software libre (21,7%), e o asesoramento concreto ás empresas (20,6%) son as principais accións sinaladas polas PEMEs galegas para promover a implantación e o coñecemento sobre as potencialidades do software libre.

Principais resultados da “Enquisa sobre Software Libre nos Centros de Ensino de Galiza”

Un 67,6% dos centros de ensino usan software libre, que experimenta un crecemento de máis de 47 puntos porcentuais no período 2006-2008. Esta presenza é máis significativa nos centros públicos integrados, 86,7% e nos institutos de ensino secundario, 80,2% e notablemente inferior nos centros concertados/privados, 48,6%.

Os aplicativos informáticos son o produto de software libre máis utilizado nos centros de ensino. Entre eles destacan a ofimática e o navegador de Internet, nun 57,7% e nun 56,1% dos centros, respectivamente. Os sistemas operativos de software libre seguen a aumentar a súa presenza tanto en ordenadores como en servidores, 48,6% e 23% dos centros de ensino respectivamente.

O galego segue a ter unha presenza significativa nos aplicacivos informáticos dos centros. Cunha porcentaxe similar á do 2007, no 77,8% dos centros existen aplicativos en galego. Porén, a súa presenza segue a ser menor que a rexistrada para o castelán (90,9%).

A satisfacción polo uso do software libre acada un nivel de notable para o conxunto dos centros, outorgándolle unha puntuación de 7,1 nunha escala de 0 a 10. Este nivel de satisfacción repártese dun xeito moi homoxéneo entre os distintos tipos de centro. Outro dato complementario sobre a boa acollida do software libre é que a grande maioría (89,2%) dos centros que o usan recomendarían o súa utilización a outros centros. Ademais, a maior parte dos centros (68,7%) consideran que o uso do software libre aumentará nos ordenadores nos próximos anos, o que remarca un contexto favorábel para a penetración de novos produtos e utilidades vinculadas ao software libre.

A formación en software libre do persoal encargado das actividades informáticas increméntase lixeiramente no último ano e aumenta significativamente para os docentes. De feito, se en 2007 o 25,8% dos centros facilitan formación en software libre aos encargados das actividades informáticas, dita porcentaxe é do 27,6% en 2008. En cambio para os docentes pasa dun 17,5% a un 23,9%.

A formación en software libre proporcionada ao persoal encargado das actividades informáticas parece que ten dado resultados, xa que o nivel de coñecemento dos produtos e utilidades de software libre sitúase nun 6,3 sobre 10, fronte a un 5,8 do ano 2007.

Un dos datos máis significativos que revela esta enquisa é o grande aumento na formación en software libre facilitada aos/ás alumnos/as que se produce nos centros que contan con estudos de secundaria, xa que se en 2007 apenas o 28,9% destes centros facilitaban formación neste tipo de software, en 2008 acada o 61,7% .

Un 37% dos centros de ensino que non proporcionan formación en software libre, prevén facilitala nun futuro e un 94% dos centros de ensino enquisados consideran que a formación en software libre sería beneficiosa para os alumnos.

Fonte: Observatorio Galego da Sociedade da Información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal