Dous dos temas que se tratarán no Foro Mundial Aberto – Open World Forum serán as administracións públicas que empregan aplicativos de fontes abertas e estándares abertos e as institucións gobernamentais que están a poñer a disposición do público os seus datos.
O Open World Forum é unha conferencia mundial sobre políticas e estratexias para o software libre e de fontes abertas e sobre os estándares abertos. Terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro en París, Francia.
O tema deste ano para a conferencia é “O futuro é aberto” que se explorará a través de sesións plenarias, sesións de traballo, eventos de relacións e debates que xirarán en torno a nove conceptos organizados en 3 eixos principais divididos en 3 temas cada un:
- Innovación aberta: no que se tratarán aspectos como a construción do futuro dixital grazas ás plataformas abertas de innovación, ecosistemas tecnolóxicos, comunidades abertas e computación na nube.
- Empresa aberta: trataranse temas como o desenvolvemento de modelos económicos a través de organizacións abertas en rede, a xeración de contidos abertos e o uso de sistemas de información abertos.
- Sociedade aberta: falarase sobre a construción dun futuro sustentable grazas a un goberno inclusivo, a constitución do ben común e a inclusión dixital.
Está dirixido fundamentalmente a líderes políticos, xerentes e CIOs de empresas, líderes de comunidades, emprendedores, inversores, académicos e investigadores, aínda que por suposto, está aberto á participación de calquera persoa interesada.
Entre todas as sesións e conferencias que conforman o programa completo hai algunhas de especial interese e de gran actualidade. Así está prevista unha mesa redonda "Software libre para unha cidadanía dixital: potenciando a xente”, na que se falará sobre como os principios do FLOSS están a axudar aos gobernos a modernizarse facendo uso de Internet para lograr que a cidadanía este máis involucrada. Hai programadas tamén sesións de traballo sobre “Apertura de datos” e sobre o “Goberno aberto como plataforma".
Outro tema que se debaterá neste ano na Open World Forum é o equilibrio de xénero dentro das comunidades e as empresas do ecosistema FLOSS. Nunha mesa redonda sobre este tema, os investigadores da Universidade Paris Descartes presentarán os resultados dunha enquisa sobre o equilibrio de xénero.
Nunha introdución á súa investigación, os académicos explican que o seu obxectivo é comprender o lugar da muller no mundo do FLOSS. "O mundo do software libre e de fontes abertas baséase en fortes valores, como a liberdade, o altruísmo e a colaboración. Con todo, parece que esta comunidade atrae de forma desigual aos homes e mulleres". Os investigadores convidan a toda persoa interesada a participar na enquisa ‘Porque son importantes as mulleres" cuxos resultados serán publicados na conferencia de París.
O Open World Forum está patrocinado en parte pola alcaldía de París e o Consello Rexional de Ile de France.
Fonte: OSOR
