Mancomún

O OSOR introduce ferramentas Web 2.0 para crear comunidades sobre código aberto

Luns, 2 Marzo 2009
Mancomún participou sempre activamente na definición e estruturación da plataforma europea
 
OSOR
O Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR) acaba de anunciar o relanzamento da sección colaborativa da plataforma dedicada á comunidade, logo de ser reestruturada baixo ferramentas Web 2.0.

A través deste apartado as persoas interesadas no eido das fontes abertas poderán xerar novas comunidades ao redor de temas específicos deste ámbito. O enfoque destas iniciativas será moi diverso, pasando dende un campo de especialización concreto, un país ou simplemente un conxunto de aplicativos de código aberto.

Os novos apartados deberán enfocarse cara a facilitarlles ás administracións públicas o intercambio de coñecemento e de experiencias. Ou, noutra liña, cara a crear puntos de encontro onde as persoas desenvolvedoras poidan contribuír á mellora de calquera programa de software libre.

O procedemento para a creación dunha comunidade pasa por un simple requisito de rexistro en liña. Unha vez que a páxina está operativa, os membros do grupo creado poden rexistrar entradas no blog e participar en debates e en comentarios sobre as novas emitidas. Asemade, estas persoas poden compartir documentos e experiencias de casos de éxito, creando unha base de coñecemento sobre a súa comunidade.

Non obstante, e para evitar unha proliferación de comunidades innecesarias, as persoas administradoras do Observatorio recomendan unha lectura das mellores prácticas. Actualmente existen un total de cinco seccións, referidas á EUPL, á comunidade SIX, ás estatísticas en volta do software libre, á sinatura dixital (Comunidade PKI) e ás comunidades locais.

Mancomún na construción do OSOR

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, leva colaborando activamente no desenvolvemento do Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (www.osor.eu) desde que esta iniciativa comezou a perfilarse no ano 2007.

Aínda que a maior achega de Mancomún radicou na escolla do modelo galego -empregado na Forxa- para a posta en marcha da plataforma europea, son moitos outras as que o teñen conducido ao Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza a formar parte do grupo de Expertos de Software Libre do IDABC .

Enmarcado neste grupo, Mancomún participou en xuño de 2007 na presentación interna do estudo de viabilidade do proxecto Osor. Dende entón, e baixo a representación do coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús Manuel Benítez Baleato, Mancomún interviu en numerosas sesións de asesoramento, orientadas a crear unha plataforma capaz de cubrir todo o abano de obxectivos marcados ambiciosamente dende a Comisión Europea para o intercambio de coñecemento sobre tecnoloxía de fontes abertas.

A relevancia do papel adquirido polo Centro neste proceso, e mesmo en todas as políticas de implantación do software libre en Europa, quedou de manifesto no estudo casuístico elaborado pola Universidade das Nacións Unidas en torno a Mancomún e publicado polo Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR) o pasado verán. Entre outras apreciacións, este estudo refírese ao modelo colaborativo de Mancomún como refeente internacional para a implantación efectiva das tecnoloxías abertas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal