Cando a investidura do presidente Obama está a copar a portada de todas as cabeceiras mediáticas, o mundo do software libre non podía permanecer alleo. Durante unha rolda de prensa, antes de celebrar unha conferencia sobre a nova web social 3.0, Tim Berners-Lee destacou a existencia dun “importante movemento a favor da apertura dos códigos na Rede en todo o mundo- Openlink Data Movement– e instou o presidente a seguir adiante con esta aposta”.
Segundo explicou o “pai da Rede”, eliminar as barreiras que impoñen os estándares por motivos comerciais permitiría potenciar a investigación e a creación de novas aplicacións e ferramentas moi poderosas, grazas ás que se abaratarían os custos para as empresas e particulares dedicados á investigación. “Así sería máis fácil acceder aos datos en bruto e evolucionar”, salientou.
Con este obxectivo, Berners-Lee creou unha fundación que quere axudar aos máis desfavorecidos a acceder á Rede a través do móbil e ofrecerlles as posibilidades educativas e de socialización que ofrece Internet. Non obstante, interpelado por se non lle preocupa que se poida facer un mal uso da rede, Berners afirmou que a web reflicte a humanidade “coas súas cousas asquerosas e as súas cousas marabillosas”. Pero, quixo apuntar, eu son “incriblemente optimista” xa que cando a xente se xunta para facer cousas, como no Campus Party, “adoitan saír cousas boas”.
Asediado a preguntas e ante unha grande expectación, Berners Lee debullou tamén as posibilidades da nova web 3.0 e as posibilidades que ofrece para, a través do software libre e a apertura dos códigos, mellorar a interacción a través da rede. A clave, comentou, é que “as novas redes sociais permítenlle ao usuario acceder a moita máis información ao mesmo tempo que tamén lle permiten controlar os datos que son accesíbeis a terceiras persoas ou compañías”. Así, engadiu que “se ninguén monitoriza as páxinas que visitas e os datos que compartes cos teus amigos, ninguén os poderá usar no seu beneficio”, resumiu.
Fonte: El País
