Mancomún

O parlamento francés aproba pro primeira vez unha lei que da prioridade ao uso do Software Libre

Venres, 12 Xullo 2013

Por primeira vez na súa historia, o Parlamento francés vén de aprobar unha lei na que se recolle a obriga de darlle prioridade ao Software Libre nun servizo público, concretamente a Lei de Educación Superior e Investigación.

O 9 de xullo de 2013, a Asemblea Nacional aprobou o Proxecto de Lei de Educación Superior e Investigación onde o artigo 9 dá prioridade ao software libre para os servizos dixitais e recursos educativos proporcionados polo Servizo Público de Educación Superior.

A organización francesa sen ánimo de lucro, April, logo de ter contribuído amplamente ao debate, celebra especialmente esta votación e felicita aos deputados e senadores polo recoñecemento da importancia do Software Libre na administración pública e na educación superior, xa que é o único que pode garantir a igualdade de acceso ao servizo público. Agradece tamén a todas as persoas que se mobilizaron e contactaron cos membros do Parlamento.

Lionel Allorge, Presidente de April, dixo que “ A prioridade do Software Libre na educación superior é un primeiro paso, e con sorte, será seguido polo establecemento dunha política pública real en favor do Software Libre”

Unha disposición similar xa fora introducida polo Senado no proxecto de lei sobre a reorganización das escolas públicas, pero o ministro de Educación, Vincent Peillon, introduciu unha emenda, que foi aprobada, na que descartaba a posibilidade xurídica de dar prioridade ao Software Libre aducindo diversos problemas legais. Nese momento a asociación April, remitiu aos deputados do Parlamento e ao Goberno unha análise da validez xurídica dunha disposición legal que dese prioridade ao Software Libre.

Jeanne Tadeusz, responsable de relacións públicas de April, afirmou “Durante o debate e discusión do proxecto de lei sobre a reorganización escolar, o Goberno e os parlamentarios foron claramente manipulados polos grupos de presión, que afirmaban que dar prioridade ao software libre non era posible. Damos a benvida á decisión positiva do Goberno y dos deputados, que tomou a decisión de valorar o interese xeral por riba do interese privado dunhas poucas empresas. O Software Libre é unha maneira de asegurarse que todos teñan acceso á información, e que os estudantes non sexan só consumidores de produtos dixitais ".

Frédéric Couchet, Director Ejecutivo de April, dixo que "O Software Libre é a encarnación dixital do lema da República Francesa ," Liberdade, igualdade e fraternidade", e permite que todos accedan ao coñecemento e comprensión. Por tanto, é esencial que o Software Libre se integre no noso sistema educativo, como unha prioridade. Agradecemos aos deputados e senadores por introducir por primeira vez na lexislación a prioridade do Software Libre.

April é unha organización sen ánimo de lucro, que conta con máis de 4000 membros, é pioneira na democratización do software libre e os estándares abertos e a súa propagación nas institución públicas e profesionais no mundo francófono.

Fonte: April

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal