O vindeiro luns 10 de decembro terá lugar o acto de entrega da V edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre. Este premio é organizado este ano pola AMTEGA, por primeira vez, para o que conta co apoio e colaboración das 3 universidades do Sistema Universitario de Galicia, AGASOL, as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno.
Como organizadora do premio, a AMTEGA terá a honra de exercer como anfitrioa do evento, que se celebrará na sala de consellos da AMTEGA na Cidade da Cultura a partir das 12:00 horas.
Os cinco candidatos ao premio deste ano farán pois o próximo luns unha breve exposición ante o xurado, quen logo de avalialos segundo os criterios recollidos nas bases do premio, determinará cal é o proxecto gañador do primeiro premio valorado en 1000€. Ademais, se o xurado considera que a calidade dos proxectos o merece, poderá outorgar tamén un accésit de 500€. Finalmente a A.C. Proxecto Trasno outorgará a “Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC” dotada con 800€.
O xurado estará composto polas seguintes persoas:
- José Luis Barreiro Cebey do Dpto. Innovación Tecnolóxica da AMTEGA
- David Piñeiro Esperante do Dpto. Innovación Tecnolóxica da AMTEGA
- Manuel Francisco González Penedo, Vicedecano de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da UDC
- Antonio Mosquera González – Director da ETSE da USC
- Enrique Barreiro – Director da ESEI da Uvigo
- Xavier Castaño socio da empresa IGALIA
- Miguel Bouzada vicepresidente da A.C. Trasno
Candidatos ao premio
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas o pasado 18 de novembro, e comprobado que todas cumprían os requisitos de participación, son cinco os candidatos ao premio deste ano, todos eles dunha excepcional calidade técnica e con gran potencial, o que sen dúbida porá en apuros ao xurado para escoller o gañador.
- José Manuel Pintor Freire participa co seu proxecto "govocitos; ferramentas para mellorar a calidade no cálculo dos parámetros reprodutivos en peixes", que está sendo usada polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, quen é membro da rede INVIPESCA, formada por 17 institucións e 12 países iberoamericanos onde espertou moito interese a ferramenta desenvolvida.
- José Millán Soto participa co seu proxecto "Soporte de Accesibilidade nas Aplicacións KDE", proxecto que tiña por obxectivo dotar ao contorno de KDE das capacidades básicas de accesibilidade das que carecía, empregando como referencia os aplicativos Dolphin (xestor de ficheiros), Kmail (xestor de correo) e Kopete (xestor de mensaxería instantánea). Desta forma sería posible que fosen empregadas por persoas con algún tipo de diversidade funcional que lles impide ou dificulta o uso de ferramentas informáticas (discapacidades visuais, auditivas, etc.) Como consecuencia deste desenvolvemento existe un importante pulo ao redor da accesibilidade en KDE.
- Tomás Vega Castro participa co seu proxecto "Trobador: Servizo de Traducións", que consiste no desenvolvemento dun aplicativo web que sirva como servidor centralizado para o almacenamento e consulta de memorias de tradución en formato estándar. Ademais elabora un complemento para o aplicativo Gtranslator, ferramenta de escritorio para a tradución de software, grazas ao que se recibirían suxestións de posibles resultados para a cadea a traducir consultando o servizo de memorias de tradución implementado.
- Leandro Regueiro Iglesias participa co seu proxecto "Terminator: aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django", que consiste no desenvolvemento dun aplicativo web para a creación colaborativa de terminoloxías e glosarios multilingües que permitan realizar consultas de forma rápida e sinxela, consultar as últimas modificacións e discusións, exportar ao formato estándar para o intercambio de terminoloxía TBX (TermBase eXchange), todo elo agrupando os acordos e a discusión que levou a eles, mantendo unha solución transparente con algúns dos sistemas de discusión anteriores ao seguir notificando os cambios e discusións mediante o correo electrónico, e creando unha comunidade de colaboradores de diferentes idiomas e culturas que permita crear sinerxias. Este proxecto pretendía cubrir unha das necesidades da comunidade galega de tradutores de software libre. Actualmente o desenvolvedor está en contacto coa comunidade do proxecto Translate toolkit & Pootle para incluír a súa ferramenta en dita comunidae.
- César Osorio Peláez participa co seu proxecto "Desenvolvemento dun sistema para a visualización web do "Tesouro de Léxico Patrimonial Galego e Portugués"" que consiste no desenvolvemento dunha ferramenta web para a explotación da información lexicográfica dunha base de datos dialectal a través de interface web dinámica con cartografía interactiva. Esta ferramenta será a interface de consulta do proxecto do Instituto da Lingua Galega (ILG) , Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, unha iniciativa internacional na que participan tamén diversas universidades portuguesas e brasileiras, que ten como obxectivo reunir nunha base de datos todo tipo de fontes que reúnen vocabulario dialectal (monografías sobre a fala dunha localidade, atlas lingüísticos, artigos onomasiolóxicos, etc.)
Os cinco candidatos realizarán unha exposición do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das motivacións para publicalo con licenza libre, da experiencia nas comunidades, das perspectivas de futuro …
Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
A AMTEGA organiza este ano, por primeira vez, este premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en materia de Software Libre 2012.
Concretamente o obxectivo do premio é o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.
Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.
