Este xoves 14 de xuño de 19:30 a 21:30 horas celébrase no Instituto Tecnolóxico Empresarial de A Coruña o primeiro encontro Betabeers de Galicia coa colaboración de NovaCaixaGalicia.
Neste encontro haberá ocasión de escoitar como é posible facer negocio co Software Libre, da man de Xavi Castaño, socio fundador de Igalia; de coñecer e colaborar co proxecto nubeOffice, un sistema de Cloud Computing baseado en software libre; e finalmente a posibilidade de facer networking entre os asistentes así como coñecer o proxecto Galicia en CoWorking tamén dirixido a facilitar o encontro entre empresas para facilitar sinerxias e colaboracións.
Igalia é unha das empresas galegas de referencia no sector TIC do Software Libre, non só no ámbito galego senón tamén no ámbito internacional, que celebrou o pasado ano o seu décimo aniversario, o que sen dúbida pode considerarse como unha proba de que o modelo de negocio con software libre é unha fórmula de éxito na facturación, pero tamén na integración coa comunidade.O proxecto nubeOffice, é un servizo de escritorio virtual na nube, especialmente orientado a empresas e autónomos que desexen tirarlle o máximo partido á posibilidade de dispoñer de acceso ao seu escritorio en calquera lugar con vantaxes adicionais como a posibilidade de empregar servizos de chamadas, videochamadas, multiconferencia ou encerado virtual, entre outros.O proxecto ofrece baixo un modelo de SAAS unha implementación do no exitoso escritorio EyeOS con certas melloras e coa posibilidade de adaptación ás necesidades concretas das empresas que contraten o servizo.
Finalmente o proxecto Galicia en CoWorking ten por obxectico servir de encontro entre profesionais pertencentes a todos os sectores empresarias cun único obxectivo, ampliar a súa rede de clientes, atopar novos socios estratéxicos e crear sinerxias.
A axenda do evento é a seguinte:
19:30 Benvida ao evento
19:40 – 20:30 Igalia: Facendo negocio con Software Libre. Xavier Castaño amosará como é posible facer co Software Libre e dará a coñecer un pouco máis o que é @igalia
20:30 – 21:00 Presentación de proxectos
– Galicia CoWorking
– nubeOffice – a túa oficina na nube
21:00 Networking
Betabeers é unha reunión de carácter mensual orientada a desenvolvedores de servizos web ou aplicacións móbiles. O obxectivo é ofrecer a posibilidade de que persoas cun perfil tecnolóxico común poidan coñecerse, compartir experiencias, coñecementos e quizás sentar as bases para comezar novos proxectos ou novas colaboracións.

Para elo, o formato destes encontros inclúe breves presentacións de proxectos, servizos web ou apps e contar cales son as tecnoloxías empregadas; obradoiros/relatorios nos que o poñente comparte cos demais os seus coñecementos sobre unha linguaxe, framework, ferramenta e finalmente Networking, para o que se reserva o tempo final, e no que todos os asistentes se presentan e comparten os seus proxectos, inquietudes… nun ambiente distendido compartindo unha cervezas.
Este evento que comezou en Madrid e que pouco a pouco vaise estendendo a outras cidades españolas e tamén de fóra de España, celébrase por primeira vez en Galicia o próximo día 14 de xuño na cidade de A Coruña.
O evento é de carácter gratuíto aínda que por cuestións de aforo é preciso inscribirse.
