O Goberno do Principado de Asturias vén de publicar recentemente o seu framework para o desenvolvemento de aplicacións de administración electrónica, OpenFWPA, baixo as licenzas libres LGPLv3 e EUPLv1, nun primeiro paso cara á liberación de todo o resto de compoñentes, incluíndo os módulos comúns e as aplicacións. Como xa informara Mancomún a comezos de ano, a Administración asturiana embarcouse neste proxecto de configuración dunha plataforma de Software Libre co propósito de crear un framework autonómico na que colaborasen e da que se beneficiasen todos os colectivos e axentes da comunidade.
A iniciativa, desenvolta no marco da comunidade Morfeo ten, ademais, unha visión expansionista que pretender facer partícipes do proxecto a outras comunidades autónomas e colectivos interesados, logrando así a mellora e o incremento das posibilidades da plataforma.
OpenFWPA é esencialmente un framework de desenvolvemento para sistemas de administración electrónica baseado na tecnoloxía J2EE. Consiste en máis de 100.000 liñas de código desenvolvidas polo Principado de Asturias, e de cuxa solidez e estabilidade son indicativas as decenas de sistemas en produción que funcionan sobre el. OpenFWPA foi unha peza fundamental no éxito do modelo de Administración Electrónica implementado polo Principado de Asturias, e que lle permitiu ser un punto de referencia a nivel nacional.
Actualmente existen máis de 150 aplicacións baseadas sobre openFWPA, o que permite que se poidan solicitar máis de 1.100 procedementos por Internet a través de diferentes canles.
Fonte: Cenatic
