Dende Trasno infórmannos que coincidindo coa celebración do día 17 de maio, Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, quixeron aproveitar a ocasión para unirse ás conmemoracións deste día presentando unha anovada web, con novos contidos, ferramentas e servizos para toda a comunidade galega.

Logo de 10 anos de traballo a prol do software libre en galego, logo de teren constituído recentemente a Asociación proxecto Trasno, que representa legalmente ao voluntariado vinculado ao proxecto, consideraron que era o momento de presentar unha imaxe máis acorde cos actuais tempos. Mais non se trata tan só dunha nova cara, senón que esta nova web incorpora novas ferramentas e novos medios de comunicación entre os usuarios e os tradutores:
- TiBoXe: Ferramenta de consulta de terminografía informática distribuída con licenza GPL. O seu desenvolvedor principal é Fran Diéguez, coordinador do equipo de tradución de GNOME. Este aplicativo web aliméntase das memorias de tradución das distintas versión dos distintos proxectos e dos glosarios lexicográficos xerados con elas. Trátase dunha interface de corpus de traducións de software.
- Glósima: Trátase dun servizo complementario ao anterior ao fornecer un servidor de terminoloxía en web para o debate e a fixación terminolóxica ao servizo dos tradutores de software. O obxectivo perseguido con este aplicativo non é outro que recuperar e sistematizar o inmenso traballo de afinación da terminoloxía da localización (adaptación) ao galego, tanto a elaborada polo propio Proxecto Trasno como por todos aqueles que se preocuparon desta cuestión ao longo de máis de 15 anos. Tamén se pretende facilitar o traballo dos investigadores do idioma e dar a coñecer a realidade de que o galego é unha lingua vivísima e perfectamente capaz para ser utilizada no sector tecnolóxico, que non ten máis problemas dos que calquera outra lingua de cultura ao enfrontarse ás últimas tecnoloxías da sociedade da información. Por estas razóns o sistema é necesariamente complexo e, neste momento está dando os seus primeiros pasos. O traballo principal recae en Leandro Regueiro, J. Chaves e Antón Méixome, coordinador do proxecto galego de OpenOffice.org. Esta ferramenta tamén é libre (GPL) e todo o contido que aloxa fai parte libre da cultura en galego.
- Plataforma de tradución en liña (Pootle)
- Blogs para cada proxecto de tradución, nos que os seus coordinadores poderán ir informando de cada paso a seguir: aplicativos de uso xeral, contornos de escritorio e distribucións.
- Wiki máis extensa e mellor artellada que a que viñan empregando ata agora na que xa engadiron documentación útil para os tradutores e que continuarán a actualizar.
- Lista de correo como canle principal de comunicación entre os membros do proxecto.
- Foros
- Perfís en redes sociais como Facebook, Twiter, Latri.ca e en Identi.ca.
Dende Trasno agardan que todo este traballo dea o seu froito, séndolles útil ás persoas para ás súas necesidades de presente e de futuro.
O Proxecto Trasno é agora máis aberto, máis funcional e máis interoperable, con fe anovada no software libre e na forza do traballo colaborativo.
Se queres unirte ao proxecto e colaborar na súa excelente labor a prol do galego nas TIC, e no software libre en particular, non tes máis que seguir as instrucións da súa web.
Fonte: Trasno.net
