Mancomún

O Proxecto Trasno publica os acordos terminolóxicos da Trasnada10

Mércores, 26 Xaneiro 2011

Logo de TrasnoUnha vez máis o proxecto Trasno é noticia.

Desta volta, avísannos que logo dun longo tempo de preparación, finalmente veñen de publicar os acordos terminolóxicos acadados na pasada Trasnada10 celebrada na vila de Ordes o pasado outubro coa colaboración da AC Inestable e co financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Segundo describen na páxina que crearon para difundir os acordos tomados nesta e posteriores Trasnadas, nela resolvéronse vellas discusións sobre como traducir por exemplo "window" ou "tab", o que supón un gran avance na homoxeneización das traducións ao galego. Tamén se chegou a un acordo sobre preto de outros quince termos, como por exemplo "command" ou "plugin", entre os que hai algúns tamén moi conflitivos.

Quizais o máis importante sexa que o valor destes acordos é maior debido a que no proceso de discusión para chegar a un consenso participaron ademais de gran número de voluntarios do Proxecto Trasno tamén participaron outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprometéronse a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan, de aí a trascendencia destes acordos de cara á homexeneización das traducións nos escritorios e aplicativos máis empregados.
Os resultados están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).

Impacto dos resultados da Trasnada10

Este traballo de asentamento de terminoloxía incorporouse en ferramentas de comprobación automática das traducións como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados na Trasnada10.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde se publicarán tamén os resultados das vindeiras Trasnadas que Trasno ten previsto celebrar durante o ano 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal