Mancomún

O proxecto Vulcano sitúa a España como promotor do software libre en Europa

Martes, 26 Xaneiro 2010

O proxecto Vulcano persegue outorgarlle ao software libre niveis de confianza e calidade similares ao do software propietario

España sitúase en Europa como promotor do Software Libre a niveis de confianza e calidade similares ao do software propietario. Desde 2006 traballa con diferentes universidades, centros tecnolóxicos e empresas, para desenvolver software libre nunha contorna de calidade e confianza. O aglutinante deste esforzo colectivo é o proxecto Vulcano, posto en marcha da man da Plataforma Tecnolóxica Española de Software e Servizos (INES) co apoio do Plan Avanza, que xa arroxou os primeiros resultados.
Nun momento en que o software libre empeza xa a estar moi estendido nos ámbitos académico, industrial, e na administración, faise necesario dotar ao software libre de metodoloxías áxiles que faciliten e controlen o proceso de desenvolvemento, así como de mecanismos e medidas de calidade para facelo máis confiable, así como de innovadores modelos de negocio que animen ás empresas a adoptar solucións baseadas e/ou desenvolvidas con software libre.

Europa xa ten importantes iniciativas no ámbito do desenvolvemento do software libre, como QualiPSo, a maior iniciativa xamais financiada ata o momento pola Comisión Europea, que pretende elevar o software libre a niveis de confianza e calidade similares ao do software propietario. Existen outros proxectos no ámbito da UE que estudan diferentes aspectos do software libre.

Vulcano sitúa a España ao mesmo nivel respecto doutros países europeos non só por adaptar as metodoloxías, procesos, modelos de negocio e ultimas tecnoloxías ao software libre, senón tamén porque xa ten en marcha comunidades de software libre como Morfeo, da que forman parte varios membros de Vulcano.

Tres elementos

Vulcano axúdase de tres elementos para conseguir os seus obxectivos.

O primeiro é unha Forxa de proxectos nun contorno colaborativo e baseada en tecnoloxías de ultima xeración. A Forxa, finalizada na súa primeira versión, aposta pola creación dinámica da contorno de desenvolvemento adaptado ao gusto de cada desenvolvedor e é facilmente compartible.

O segundo elemento é un piloto demostrativo dos resultados do proxecto que poña en marcha un proxecto de software libre seguindo as metodoloxías e mecanismos de calidade descritos por partes do proxecto e usando a forxa para aloxalo e desenvolvelo. A avaliación de proxecto neste piloto, servirá de realimentación para mellorar e ampliar a súa funcionalidade.

O terceiro elemento desta estratexia é o despregamento dun Centro de Competencia a nivel nacional (virtual e/ou con varias sedes físicas) que axude ás empresas e organismos locais a aprender todo o relativo ao uso de software libre: licenzas, desenvolvemento colaborativo, procesos de desenvolvemento, etc. O Centro de Competencia realizará así mesmo consultorías sobre cada caso particular para determinar que modelo de negocio é o máis adecuado para crear empresas, así como facilitará o adestramento en novas tecnoloxías como Web 2.0, SOAP, REST, etc. Por último, tamén fará promoción das empresas locais a nivel europeo grazas á ligazón do devandito Centro de Competencia con outros centros do mesmo carácter en Europa. En concreto, este centro formará parte da rede de Centros de Competencia creada polo proxecto europeo QualiPSo, o que permitiría ás empresas ao redor do centro, non só ampliar o seu ámbito de negocio, senón intercambiar experiencias no uso de software libre.

Fonte: SINC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal