O pasado sábado celebrouse mundialmente o Día da Liberdade do Software ou SFD.
Trátase dunha celebración global do software libre que se vén celebrando o terceiro sábado de setembro dende o ano 2004 co obxectivo de educar ao público sobre os beneficios de empregar FLOSS de alta calidade tanto en ámbitos empresariais como en administracións públicas, educativas ou nos fogares. En resume, un día especial para insistir e concienciar á cidadanía de que o software libre é unha tecnoloxía madura e de calidade capaz de ofrecer solucións en calquera ámbito.
Esta calidade do software libre comeza a ser xa algo unha realidade para as empresas galegas como así o reflicten os recentes estudos publicados polo Osimga a pasada semana e presentados pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tencolóxica na Xornada de presentación do Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC.
E este ano, como xa vén sendo habitual, na nosa comunidade tamén se festexou este día da man da asociación Comunidade O Zulo, formando parte do programa do VIII Ciberencontro Concello de Mugardos – Kernel 2011 , e que foi recollido polas cámaras de La Sexta para a súa reportaxe sobre o SFD.
Esta día de celebración é coordinado pola organización sen arela de lucro Software Freedom International quen proporciona soporte e un punto de colaboración, mais son os grupos e organizacións de voluntarios locais arredor de todo o mundo quen organizan diversos actos para motivar ás súas respectivas comunidades.
A visión común destes actos é dotar ás persoas da capacidade de conectarse, crear e compartir un mundo dixital participativo, transparente e sustentable.
Todas as celebracións comparten os mesmos obxectivos, celebrar a liberdade do software e a xente que está detrás del, potenciar o coñecemento sobre a liberdade do software e promover a súa adopción e a dos estándares abertos, crear un acceso máis igualitario ás oportunidades a través do uso de tecnoloxías participativas, promover diálogo construtivo sobre as responsabilidades e dereitos na sociedade da información, ter en conta a todos os individuos e organizacións que comparten a súa visión.
