Mancomún

O software libre contribúe á intregración social dos presos galegos

Xoves, 21 Novembro 2013

Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MelisaComo xa vos fomos contando ao longo destes últimos meses, a asociación Melisa , da man do seu presidente Rafael Rodríguez, está a realizar unha importante labor de difusión das TIC nos centros penitenciarios galegos, contribuíndo á redución da fenda dixital neste ámbito e todo elo da man do Software Libre. Nesta labor conta tamén coa colaboración doutro voluntario, Salvador Tabarés, membro de Inestable.

O blog Xente Dixital da AMTEGA recolle unha interesante entrevista a Rafael Rodríguez e Salvador Tabarés, como voluntarios dixitais encargados de impartir os obradoiros da iniciativa Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos”, que xa visitaron o Centro Penitenciario de Monterrroso, o Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo, o Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago, o Centro Penitenciario de Lugo-Bonxe, e o Centro Penitenciario de Teixeiro.

Destacamos desta entrevista, que recomendamos ler integramente, a acollida tan positiva que perciben por parte dos asistentes aos obradoiros e a súa motivación por aprender, o que reverte nun moi alto aproveitamento, así como a resposta que ambos dan á pregunta Como poden axudar as TIC á inserción social dos presos?
Rafael Rodríguez. A nosa formación nunca perde o foco no software libre, e tratamos de facerlles ver a vantaxe coa que contarán na súa inserción social e laboral, ao diferenciarse do resto de candidatos que poidan optar a un posto de traballo. Ademais de transmitirlles que é posible facer uso da tecnoloxía dun xeito máis ético e responsable, ao non ter que utilizar
software ilegal, coas vantaxes técnicas que isto supón.

Salvador Tabarés. As TIC son hoxe en día o principal medio de comunicación entre persoas, colectivos e institucións. Ter uns coñecementos mínimos e certas habilidades TIC é imprescindible. Falar, ler e escribir sen empregar as TIC limítanos a un entorno tan reducido coma a nosa casa e o bar. A integración social non se pode concibir xa sen coñecer e empregar ferramentas TIC de comunicación ou de Integración cyber-social: e-mail, mensaxería instantánea e redes sociais.

Precisamente o que fai a reclusión é illar a posibilidade de interrelación da persoa reclusa. En períodos prolongados dita posibilidade transfórmase en incapacidade. Ó rematar o illamento non basta con eliminar a barreira física, é fundamental axudar á persoa a capacitarse nun novo escenario, non só novo, senón até incluso hostil con quen non emprega as ferramentas (exclusión). Imaxínate o nivel de incapacidade comunicativa despois de 14 anos de reclusión (caso real que atopei na actividade)

Esta iniciativa, Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos”, inclúese no programa de Voluntariado Dixital no marco do Plan de Acción de Software Libre 2013 da AMTEGA, como unha das actividades que Melisa desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración para o fomento do software libre asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e incluídas no da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal