Mañá 12 de maio, a Facultade de Informática da Coruña, FIC, celebra o seu 25 aniversario cunha Xornada de portas abertas no Palacio de Congresos e Exposicións de A Coruña (Palexco). Durante todo o día haberá exposicións, conferencias e mesas redondas da man dalgunhas das principais entidades e empresas relacionadas coa sociedade da información e coa colaboración de Tuenti, unha das plataformas de comunicacións de maior proxección nas redes sociais.
Nesta celebración, o Software Libre terá un espazo de seu na zona de exposicións da man da asociación GPUL e da OSL da UDC. A asociación GPUL contará cun stand dende o que ofrecerán aos visitantes información sobre que é o software libre, que alternativas existen para o software privativo, que vantaxes ten o uso de formatos abertos así como a historia da propia asociación GPUL. Pola súa parte a OSL disporá doutro stand dende o que informará da súa actividade dentro da universidade e ofrecerá información sobre instalación de sistemas operativos e software libre.
Ademais da exposición, haberá unha xornada de conferencias e mesas redondas onde expertos nacionais e internacionais dos campos académico e empresarial vencellados ás novas tecnoloxías abordarán desde a historia da Facultade de Informática da UDC aos novos camiños para a ciencia da información. O programa da mesma é o seguinte:
- 11:45 – 25 anos de Facultade, Antonino Santos del Riego, da Facultade de Informática,
- 12:30 – Construíndo sistemas tolerantes aos fallos, Juan Puig, de Systems Engineer at Erlang Solutions Ltd.London
- 13:15 – Centenario de IBM, Novos camiños para a ciencia da Información, Angel María Navarro, de IBM
- 17:00 – Presentación do grao de enxeñería informática, Alberto Valderruten, Decano da Facultade de Informática de A Coruña
- 18:00 – Resposta da Garda Civil ante o ciber crime, Juan Salom Clotet, xefe do grupo de delitos telemáticos da unidade central operativa
- 18:45 – Adelante por favor: Default passwords, José María Alonso Cebrián, consultor de Seguridade en Informática 64
- 19:30 As redes sociais, o soporte publicitario máis eficiente, Félix Ruíz Hernández, cofundador de Tuenti
- 20:15 Mesa redonda sobre a Historia da Facultade de Informática, moderada por José Luis Freire Nistal 21:00 Clausura: 25 anos de informática universitaria en A Coruña, José María Barja, Rector Magnífico da Universidade de A Coruña
