O vindeiro martes día 8 de marzo, terá lugar na Aula CeMIT do Centro Cívico de Eirís, en A Coruña, un obradoiro sobre Odoo, un ERP de Software Libre, sobre o que xa elaboramos un artigo en profundidade fai uns meses, na nosa sección de artigos tecnolóxicos.
O obradoiro que será levado a cabo por Anubía, unha empresa galega con moita experiencia na implantación desta solución, estará orientado a empresas de servizos, que busquen unha solución de software libre que lles axude na xestión comercial e administrativa. O programa detallado, así como toda a información referente a este obradoiro pode atoparse na web do Centro Demostrador TIC da Xunta de Galicia (CDTIC), a través deste enlace.
Centro Demostrador TIC Virtual: Proba Odoo na nube
Para poder seguir facendo probas sobre esta solución, lembrámosvos que o CDTIC Virtual ofrece un servizo de proba de solucións de software libre na nube, entre as que se atopa Odoo. Este servizo permite a calquera empresa ou particular solicitar unha instancia das aplicacións dispoñibles para o seu uso durante un período de 15 días e ampliable ata un mes. Mediante este servizo pódese probar a fondo calquera das ferramentas sen necesidade de dispoñer dunha infraestrutura propia e ter que facer unha instalación da mesma.
