Mancomún

O vindeiro xoves 23 comeza a Akademy na Coruña

Venres, 17 Xullo 2015

Como xa anunciamos no seu día, a Akademy 2015, a reunión anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do contorno de escritorio KDE, vaise celebrar na cidade de A Coruña entre o 25 e o 31 de Xullo. Ademais, os días previos, o 23 e 24 de Xullo celebrarase a Akademy-es que é a reunión anual da comunidade de KDE en España.

Banner de promoción da Akademy 2015 na CoruñaAsí pois, se no 2012 foi GNOME quen tomou sabor galego, este ano será a quenda de KDE, reuníndose na Facultade de Informática de A Coruña dende o vindeiro xoves os principais desenvolvedores deste contorno de escritorio, que traballarán e debaterán sobre o futuro do mesmo.

Akademy-ES

A Akademy-es celebrarase os días 23 e 24 de Xullo, servindo así de apertura á Akademy, motivo polo que este ano non se celebra durante a fin de semana, como é o habitual. Durante estes dous días realizaranse charlas, obradoiros e outras actividades de carácter máis social coas que se pretende: dar a coñecer o proxecto a persoas sen perfil técnico, poñer en contacto a desenvolvedores de KDE de toda España, divulgar as tecnoloxías de KDE para atraer novos desenvolvedores, e por suposto o principal , desfrutar todos aprendendo máis sobre software libre e KDE.

Haberá charlas sobre como contribuír a KDE, tanto programando como doutras 10 formas posibles; sobre KDE España, que é e para que serve; sobre como o software libre permite o impulso de startups; sobre aplicacións educativas de KDE, etc. Para no perderse nada, o mellor é consultar o programa completo destes dous días. A asistencia é gratuíta, pero é preciso rexistrarse previamente para que a organización poida dimensionar ben as actividades.

Akademy

A Akademy, que comeza o vindeiro 25 de Xullo, consiste en 2 días de conferencias cun completo programa de presentacións sobre os últimos desenvolvementos de KDE, seguidos de 5 días de obradoiros, sesións de programación e Birds of a Feather (BoF, reunións informais de persoas cun interese común, nas que non hai unha axenda predefinida máis alá de compartir experiencias).

Trátase dunha excelente oportunidade para coñecer aos principais colaboradores de KDE, aprender acerca das últimas funcionalidades e desfrutar dun excelente ambiente. Poderás coñecer desenvolvedores, artistas, tradutores, mantedores, usuarios e empresas líderes da industria do software de todo o mundo.

A asistencia tamén é gratuíta previo rexistro para facilitar a correcta organización do evento.

Por outra parte, se ademais de asistir, queres colaborar coa organización axudando na medida das túas posibilidades e intereses a que todo saia ben, podes inscribirte como voluntario indicando a túa dispoñibilidade e en que cuestións che gustaría ou poderías axudar.

Tanto se vas asistir, como se decides ser voluntario, é importante ler o código de conduta da conferencia para colaborar en que todo se desenvolva no mellor ambiente posible e respectuoso coa diversidade cultural

Akademy-ES é organizada pola asociación KDE España xunto con GPUL (el Grupo de Programadores y Usuarios de Linux). Akademy é organizada por KDE e.V. e GPUL.

A organización destas conferencias por parte de GPUL é financiada parcialmente a través do Convenio de Colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal