
Segundo isto, a partir das 17:00 horas do sábado substituirase a páxina oficial do XGN por un formulario no que unicamente haberá que cubrir dous datos: o NIF e o contrasinal escollido no formulario de alta. Ademais, será fundamental que a conta de correo estea perfectamente validada, de xeito que se asegure a comunicación vía mail. O venres día 6 de marzo será o último día para darse de alta na web e modificar os cambios do perfil, sen o que non será posíbel a inscrición.
Só haberá unha excepción para quen teña reactivada a conta da edición do 2008 e pagase no prazo estabelecido. Estas persoas son xa oficialmente participantes do Xuventude Galiza Net.
O software libre no XGN
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre asume novamente os labores de coordinación de todas as actividades relacionadas coas tecnoloxías e os estándares abertos que terán lugar no transcurso do Xuventude Galiza Net.
Esta iniciativa, posíbel grazas ao convite da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, permitiralle a Mancomún fornecer a toda a comunidade de software libre un espazo privilexiado para dar a coñecer as súas iniciativas tanto a través do posto na zona de entrada libre, como a través da organización de obradoiros e relatorios.
A este respecto, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información habilitará un posto dobre que compartirá con todos os grupos galegos de usuarios de software libre (GGUL) como xa fixera en anteriores anos.
Nesta ocasión, a proposta de exposición da Dirección Xeral centrarase fundamentalmente na difusión do Galinux, un obxectivo para o que xa vén traballando coa campaña de medios realizada no pasado mes de febreiro e coa que se conseguiu achegar este sistema operativo libre e en galego a máis de 40.000 persoas.
Actualmente as propostas de actividades dos GGUL, que poden ser consultadas e completadas no wiki de Mancomún, están a ser valoradas para a súa inclusión no programa definitivo do encontro.
