Mancomún

Obama tamén revoluciona o espazo na Internet da Casa Branca

Luns, 26 Xaneiro 2009

{mosimage}Xunto ás decisións políticas e económicas de maior calado, o novo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, iniciou tamén unha serie de cambios na política da Interrnet da Casa Branca e fíxoo con marcadísimas diferenzas respecto do seu antecesor, George W. Bush. A participación cidadá nos proxectos de lei mediante a rede e o apoio ás licenzas Creative Commons, libres de dereitos de autor para o material de terceiros que apareza na web do Goberno -o resto xa era de dominio público-, son algunhas das súas novidades máis rechamantes.

Aos poucos minutos de que Barack Obama xurase o pasado martes o seu cargo de presidente nas escaleiras do Capitolio, en Washington, un equipo de especialistas púxose a dar a volta como un calcetín á páxina da Casa Branca. Os colaboradores de Obama xa demostraran na campaña electoral ter ideas claras e avanzadas sobre as posibilidades da Internet. Agora trátase de aplicalas cando se ten o poder.

O lugartenente de Obama nesa transformación do espazo da Internet é Macon Phillips, director de novos medios da Casa Branca. A súa revolución empeza por manter en Internet a implicación cidadá que Obama pediu aos norteamericanos dende que era candidato. Por exemplo, a partir de agora, toda a lexislación que o Goberno queira aprobar e que non sexa urxente estará durante cinco días exposta na Internet para someterse á opinión cidadá. É unha arma de dobre gume. Por unha banda, o presidente pode toparse con oposición cidadá a algunha medida; por outra, un abafador apoio popular a algunha medida pode servirlle para superar reticencias dos parlamentarios dalgunha das cámaras.

Outra novidade da páxina da Casa Branca é a creación dun blog no que se pode seguir a diario a actividade presidencial.

Así, a sinatura das primeiras ordes que Obama executou como presidente está a disposición de todo o mundo.

Xunto ás medidas xa aplicadas, a Administración Obama deixou por escrito unha serie de compromisos que a distinguen do gabinete de Bush. O programa para Internet promete protexer a privacidade da rede, a súa apertura e a súa neutralidade. Tamén facer compatíbeis as ferramentas para que os pais protexan os seus fillos na rede coa primeira emenda da Constitución norteamericana, que protexe a liberdade de relixión, de expresión, de reunión e de prensa, entre outras.

Fonte: Asociación de Internautas

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal