A asociación Melisa vai impartir un obradoiro de achegamento á ferramenta Moodle, dirixida aos profesores do Instituto de Ensino Secundario de Melide.
O obradorio constará de 6 horas de duración e será impartido por Rafael Rodríguez Gaioso, presidente de Melisa. Terá lugar os días 31 de xaneiro, 7 e 14 de febreiro. Haberá dous grupos de profesores, o primeiro deles terá a súa sesión ás 16 horas, e o segundo ás 18 horas.
O obxectivo do obradoiro é familiarizar aos profesionais da educación no uso dunha das ferramentas máis populares, e con máis seguidores no campo do e-learning, que algúns deles xa están a empregar grazas a que o IES de Melide forma parte do proxecto Webs Dinámicas da Consellería de Educación. A través deste proxecto dende a Consellería de Educación vense implantando durante os últimos anos nos Centros públicos educativos unha serie de aplicativos Web 2.0 como Drupal, Moodle, …
O programa do obradorio tratará temas como unha introdución a Moodle, como engadir material a un curso, que ferramentas adicionais proporciona a plataforma (Chat, Foro, Wiki, Glosario) e que ferramentas útiles proporciona aos profesores para o seguimento dos cursos (Informes e rexistros e Cualificacións. Pódese consultar o programa detallado do obradoiro na web de Melisa
O material empregado para este obradoiro estará dispoñible na web de Melisa baixo unha licenza Creative Commons, para poder ser utilizado por calquera persoa interesada en coñecer esta ferramenta.
