Continuando co 2º ciclo de Sábados Libres na Altamar, GALPon, está xa a organizar un novo obradoiro para o vindeiro sábado 29 de marzo.
Desta volta é a quenda de profondar no traballo co sistema de control de versións GIT logo do primeiro obradoiro de introdución celebrado no mes de Xaneiro.
Así nesta xornada desenvolverase o segundo obradoiro práctico sobre o Sistema de Control de Versións GIT, unha vez máis dirixido por Jesus Amieiro Becerra.
Para este obradoiro é necesario levar instalado Git e un navegador actualizado (Mozilla Firefox, Chrome, Chromium,…) para poder crear a conta e interactuar con BitBucket no exercicio por parellas. Ademais, será preciso instalar unha interface gráfica que se comunicará uns días antes do obradoiro aos inscritos.
Resumo do contido:
- Revisión rápida dos conceptos do 1º obradoiro.
- Colaborando nun servidor remoto: remote, fetch, push, pull.
- BitBucket.
- Crear unha conta.
- Colaborando no servidor remoto.
- Fluxos de traballo en Git.
- Exercicio por parellas.
- Alias de ordes.
- Interfaces gráficas.
- Depurando con Git.
Como vén sendo habitual nestes obradoiros organizados por GALPon, a asistencia é totalmente gratuíta, pero dada a complexidade do curso e a limitación de aforo, as prazas dispoñibles son 24, polo que para asistir é obrigatorio cubrir o formulario de inscricións.
Podedes consultar máis detalle no wiki de actividades de GALPon ou a través do evento en Google+.
