O Centro Demostrador TIC acollerá este xoves 8 de outubro a sétima xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que está a organizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN).

Trátase do seminario “Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres” que se desenvolverá en horario de tarde, de 17:00 a 20:30 horas, e será conducido por Ana Lorenzo Vila, socia traballadora da cooperativa Cidadanía, cuxo exercicio profesional céntrase no impulso das democracias participativas, principalmente nos ámbitos da participación cidadá nas políticas públicas e no impulso do cooperativismo.
Procesos participativos e o terceiro sector
As entidades do terceiro sector caracterízanse pola súa organización democrática. Cada vez promóvense procesos participativos máis amplos, onde colaboran diferentes entidades, que están abertos á cidadanía en xeral,… que son en resume moito máis diversos e difusos. Pero estase a conseguir neles o grao e a calidade da participación desexable? Que é o que se busca cando se aposta pola participación? Como debemos utilizar as novas tecnoloxías para que sirvan e axuden á consecución deste obxectivo?
Neste obradoiro traballarase para aprender como facer máis inclusivos os debates e as decisións nun proceso participativo, así como a desenvolver propostas ben feitas e integradoras para que a colaboración sexa unha experiencia máis enriquecedora para o colectivo participante. Analizaranse as diferentes ferramentas tecnolóxicas existentes para habilitar estes procesos e, en particular, profundarase na plataforma e-cidadania, que será sometida a proba durante a sesión. Como resultado do obradoiro, elaborarase un mapa no que se plasmará para que serve cada ferramenta dispoñible e como poden complementarse estas cos dispositivos móbiles presentes na sala.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “Colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao Terceiro Sector que organiza a Amtega, no marco das actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega e para o que conta coa colaboración da EAPN, Rede Galega contra a Pobreza.
Trátase dun total de nove actividades que comezaron o 10 de setembro e que continuará co seminario “CiviCRM: captación de fondos e comunicación cos grupos de interese no terceiro sector” (15 de outubro) que será impartido por Alejandro Salgado, fundador da empresa iXiam, que conta con experiencia no desenvolvemento e implantación de civiCRM en entidades como Médicos sen Fronteiras ou Amnistía Internacional. No blog da empresa podemos ler un interesante artigo do Porque unha ONG debe empregar civiCRM.
