MeLiSA organiza para o vindeiro 30 de novembro, un obradoiro de gravación e edición de son con ferramentas libres, que se celebrará na aula CeMIT de Melide.
O obradoiro ten por obxectivo dar a coñecer a existencia e o funcionamento de diferentes ferramentas libres que poden ser empregadas polas persoas interesadas na edición de son. Está dirixido ao público en xeral, especialmente a persoas afeccionadas á música, a técnicos de son da rede galega de locais de ensaio, profesionais da música que utilicen ferramentas privativas, profesionais dos medios de comunicación, e en xeral calquera persoa interesada no tratamento do son.
Os asistentes serán capaces de coñecer diferentes recursos para poder realizar gravacións e edicións de son dos seus instrumentos musicais, utilizar recursos libres dispoñibles na web, e ter acceso a ferramentas que poidan proporcionar un aspecto profesional ao seu traballo diario. Porase especial atención no manexo do aplicativo Audacity, co cal se poden levar a cabo todas as tarefas necesarias para editar son de xeito doado, e utilizando formatos abertos.
O obradoiro é de carácter gratuíto, só é preciso inscribirse debido á limitación do aforo. Hai un total de 20 prazas dispoñibles, polo que é recomendable cubrir o formulario de inscrición canto antes. Celebrarase na aula CeMIT, situada no edificio multiusos de Melide, de 10:00 a 14:00 horas do 30 de novembro.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación MeLiSA desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
