Mancomún

Obradoiro de iniciación a GIMP na Biblioteca Pública Ánxel Casal

Xoves, 31 Xullo 2014

Logotipo de GimpA Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, en colaboración co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, promovido pola Amtega e a Dirección Xeral de Voluntariado, organiza un obradoiro de “Iniciación ao retoque de fotografía dixital con Gimp”.

O obradoiro será impartido pola voluntaria dixital Sairlene González, e celebrarase do 4 ao 8 de agosto en horario de 11:30 a 13:00 horas, nas Salas de Traballo en Grupo da biblioteca.

O obxectivo deste seminario é ofrecer aos usuarios formación no eido das novas tecnoloxías e, máis polo miúdo, capacitalos no uso do Gimp, un programa de edición de imaxes dixitais con licenza libre, dispoñible para descarga gratuíta multiplataforma. Os participantes, a través dunha metodoloxía eminentemente práctica, aprenderán a retocar e editar imaxes, facer fotomontaxes e utilizar as ferramentas básicas proporcionadas polo Gimp.
O obradoiro de carácter gratuíto, vai dirixido a persoas maiores de 18 anos, socias da biblioteca e con coñecementos básicos de informática para un maior aproveitamento. Cómpre inscribirse antes do 31 de xullo a través do teléfono 881 999 401 ou acudindo á biblioteca, situada na Avenida de Xoán XXIII en Santiago de Compostela.

Biblioteca comprometida coa e-inclusión
A Biblioteca Pública Ánxel Casal comezou a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital como Entidade de Acción Voluntaria hai 3 meses e esta é a primeira das actividades que organiza ao abeiro desta colaboración.

Ademais da organización de iniciativas de alfabetización dixital a biblioteca conta co servizo “Biblioteca Accesible”, que ten como obxectivo que toda persoa con calquera tipo de discapacidade poida acceder á biblioteca e aos recursos informativos que hai nela.

Con esta finalidade ofrece, ademais de animación cultural, formación de usuarios e unha colección accesible con libros e audiovisuais para colectivos que requiren unha atención diferenciada, software e equipamento informático adaptado como rato de bola xigante, rato de bola pequena, conmutador tipo botón, rato tipo joystick, rato para queixo con brazo, teclado simplificado de letras grandes e teclado Braille. Gran parte deste equipamento foi proporcionado polo Programa Tic Tac Adapta, proxecto do Ministerio de Industria en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta e financiado con fondos FEDER.

Programa de Voluntariado Dixital
O obradoiro será impartido por unha das preto de 400 persoas que colaboran como voluntarias dixitais no Programa de Voluntariado Dixital. Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento achéganse a 70 as Entidades de Acción Voluntaria que colaboran co Programa de Voluntariado Dixital para promover accións de alfabetización dixital que faciliten a e-inclusión da nosa sociedade e diminúan a fenda dixital.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal