O obradoiro correrá a cargo do profesor da Facultade de Informática, Emilio J. Padrón González, e membro activo de GPUL. Como vén sendo habitual, o obradoiro é de carácter gratuíto, e impartirase no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática (UDC).
Qué é Latex?
LaTex é un sistema de composición de documentos de alta calidade, especialmente útil para a creación de libros, documentos científicos e técnicos que conteñan fórmulas matemáticas, e polo tanto moi recomendable para a elaboración de Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Mestrado ou Teses de Doutoramento. De feito no ámbito da investigación e produción científica é a ferramenta por excelencia de edición de documentación.A diferencia dun procesador de textos, como LibreOffice, OpenOffice, Ms Office, etc, LaTex permítelle ao autor centrarse na creación do contido e despreocuparse completamente da carga da composición do documento.
A composición dun documento abarca un gran número de tarefas repetitivas e mecanizables como por exemplo a numeración de páxinas; a inclusión de encabezados acordes co contido das páxinas; a numeración dos capítulos, seccións, figuras, etc; a xestión de táboas de contidos, índices, notas ao pe ou á marxe; a xestión da bibliografía ou referencias cruzadas, etc. Os procesadores de texto incorporan unha aproximación para facilitar a xestión destas tarefas a través do uso de estilos, mais non automatizan tanto o proceso nin proporcionan a mesma calidade e resultado final como empregando LaTex.
Respecto da forma de traballo é distinta a como traballamos nun procesador de textos, polo que é necesario realizar unha aprendizaxe. A grandes liñas, para crear o noso documento usaremos un editor de textos simple para crear o noso ficheiro de traballo no que ademais do texto co contido do noso documento iremos inserindo as indicacións axeitadas (na linguaxe específica de LaTex) para que logo LaTex poidan compoñer o documento final, cunha calidade semellante á acadada por unha editorial científica de primeira liña. Unha vez creado o noso ficheiro de texto, compílase en LaTex para convertelo a documento pdf no que poderemos visualizar o resultado final.
Ademais, outra vantaxe adicional, é que todo o software preciso para crear o noso documento final (editor de textos, compilador LaTex, etc) é software libre, co que non é preciso o pago por licenzas de uso do software.
Esta actividade, así como o ciclo dos Xoves Libres, forma parte das actividades que GPUL realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.
