Mancomún

Obradoiro de OpenStreeMap en Vigo

Mércores, 13 Xullo 2011

Logo de xeoinquedosO grupo Xeoinquedos organiza para este venres 15 de xullo a partir das 16:00 horas un obradoiro teórico-práctico sobre OpenStreetMap.

Logo de OpenStreetMapO obradoiro contará coa presenza de Micho García que fará unha breve introdución sobre o que é OpenStreetMap, ferramentas simples de edición, base tecnolóxica e de Jorge Gustavo Rocha (@estibordo) de OSGeo.pt que ofrecerá unha visión das técnicas avanzadas de edición de OpenStreetMap usando a ferramenta JOSM. O lugar escollido para a celebración deste obradoiro é a Aula Magna da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo. Os asistentes deberán levar un ordenador portátil ou compartir algúns dos que haberá alí.
As persoas interesadas en participar neste obradoiro de carácter gratuíto non teñen máis que inscribirse no formulario de rexistro.

Sobre OpenStreetMap

OpenStreetMap (OSM) é un proxecto colaborativo para xerar mapas libres empregando datos de dispositivos GPS móbiles. OpenStreetMap leva a idea dos wikis ao mundo dos mapas permitindo xerar e proporcionar datos xeográficos libres tales como rueiros a calquera persoa que o desexe. O proxecto comezou porque a maioría dos mapas teñen realmente restricións legais para o seu uso ou das súas API. Calquera persoa pode corrixir o mapa actual empregando as ferramentas dispoñibles, como único requirimento é crear unha conta no wiki.

A licenza de OSM é Creative Commons Attribution-ShareAlike 2.0 license para os datos e GNU GPL para o software.

Sobre Xeoinquedos

O grupo Xeoinquedos xorde en Galicia a raíz dun movemento de ámbito estatal denominado Geoinquietos que trata de aglutinar a nivel local a todas as persoas interesadas na temática xeomática, SIX. Esta actividade está incluída dentro das reunións que o grupo organiza habitualmente para compartir coñecementos, experiencias e un rato agradable.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal