Mancomún

Obradoiro de optimización da produción e a loxística con Odoo en A Coruña

Venres, 8 Abril 2016

O vindeiro xoves 14 de abril, nunha das aulas CeMIT de A Coruña, acollerá o obradoiro: Como optimizar a produción e a loxística con Odoo.

Este obradoiro, a diferencia do celebrado o pasado 8 de marzo, afonda na solución tecnolóxica Odoo, anteriormente coñecida como OpenERP, como solución de xestión e planificación dos recursos empresariais centrándose nos seus módulos de loxística e produción.

O evento terá lugar na Aula CeMIT do Centro Cívico de Eirís, en A Coruña, e será levado a cabo por Anubía, unha empresa galega con moita experiencia na implantación desta solución.
Este obradoiro está enfocado para empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial, enxeñeiros industriais e mesmo estudantes de enxeñería. O obxectivo e amosar a Odoo como unha ferramenta que permite a xestión integrada e completa en contornos globais da xestión da produción (MRP) e a xestión loxística da empresa (almacéns), coas vantaxes dunha aplicación de software libre que permite a alta personalización e adaptación aos factores propios de cada empresa.

O programa detallado, así como toda a información referente a este obradoiro pode atoparse na web do Centro Demostrador TIC da Xunta de Galicia (CDTIC).

Este mesmo obradoiro repetirase o vindeiro 24 de maio na cidade de Vigo.

Como sempre estes obradoiros son de carácter gratuíto previa inscrición no portal do CDTIC.

Centro Demostrador TIC Virtual: Proba Odoo na nube

Aproveitamos para lembrar que o CDTIC Virtual ofrece un servizo de proba de solucións de software libre na nube, entre as que se atopa Odoo.

Este servizo permite a calquera empresa ou particular solicitar unha instancia das aplicacións dispoñibles para o seu uso durante un período de 15 días e ampliable ata un mes. Mediante este servizo pódese probar a fondo calquera das ferramentas sen necesidade de dispoñer dunha infraestrutura propia e ter que facer unha instalación da mesma.

Lembramos tamén que para os que aínda non coñezades esta solución, podedes ler o artigo tecnolóxico que publicamos hai uns meses, na nosa sección de artigos tecnolóxicos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal