Se a semana pasada informabamos do obradoiro sobre Scratch dirixido a docentes e organizado polo CPETIG, desta volta é o CPEIG quen organiza, en colaboración co CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) da USC, un obradoiro de formación sobre Scratch para nenos.
O curso, de carácter gratuíto, está dirixido a rapaces de 10 a 14 anos de idade con interese polo mundo da programación. Durante o mes de maio, nun total de 12 horas, distribuídas en 8 sesións, os asistentes aprenderán a traballar con Scratch.
O CPEIG presenta este obradoiro coma unha aventura gráfica, co obxectivo de que os rapaces programen unha fase por cada clase. Cada unha destas fases situarase nunha cidade ou nunha vila de Galicia distinta, cunha historia, lenda ou parte da cultura particular desa zona. Cada alumno disporá dun ordenador para o seguimento do obradoiro. Paralelamente, o curso contará cun blog (Cativos Coding), no que tanto os rapaces coma os seus pais poderán seguir os contidos do obradoiro fóra do horario da clase.
O obradoiro comezará o vindeiro día 6 de maio, de 18:30 a 20:00 e continuará durante todas as tardes dos martes e os xoves de dito mes de maio. Terá lugar nas instalacións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría) da USC.
A matrícula do curso é de balde, e as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 2 de maio a través do formulario de inscrición. As 15 prazas dispoñibles concederanse por rigorosa orde de inscrición.
Sobre Scratch
Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos nenos e nenas, de 8 a 16 anos, no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, coa que poden crear historias interactivas, xogos e animacións e logo compartir os proxectos creados na rede xa que hai unha gran comunidade ao seu redor. Na web do proxecto Scratch hai un espazo reservado para publicar os proxectos creados, sempre coa licenza Creative Commons Compartir Igual. Isto permite que calquera poida aprender vendo os proxectos doutros e recrealos, modificándoos ou engadíndolles novas características. Ademais, hai tamén un portal web adicado ao uso de Scratch pola comunidade educativa: ScratchEd
Con estes ingredientes, o uso deste aplicativo permítelles as rapaces aprender, a través do xogo, a pensar creativamente, a razoar sistematicamente, e a traballar colaborativamente, habilidades esenciais para a vida no século XXI.
Scratch é software libre e utiliza a linguaxe LOGO e está desenvolvido polo grupo “The Lifelong Kindergarten group” no Media Lab do MIT (Massachussets Institute of Tecnology).
