A Universidade de Vigo organiza unha serie de obradoiros de novas tecnoloxías no campus de Pontevedra relacionados coa aplicación didáctica das novas tecnoloxías.

Os obradoiros terán lugar na sala de novas tecnoloxías na Casa das Campás do campus de Pontevedra en horario de 16:00 a 21:00 e son catro en total, dos que en Mancomún destacamos dous deles por ter relación co software e a tecnoloxía libre. A vicerreitoría ofrece estes obradoiros non só á comunidade universitaria, senón que están abertos ao público xeral e están enmarcados nas actividades do Campus Crea.
Impresión 3D
Terá lugar o 10, 11, 17 e 18 de outubro e ten como obxectivos dar a coñecer esta tecnoloxía presente en proxectos libres como RepRap e no mundo “maker” en xeral. O contido do mesmo está dividido en 4 bloques:
- Introdución á impresión 3D
- Impresión FDM (Modelado por Deposición Fundida)
- Imprimindo en 3D
- Problemas de impresión e técnicas de postprodución
Dentro dos contidos do obradoiro, destacamos que se empregará entre outras a solución libre FreeCAD para o deseño en 3D.
Para máis información e a inscrición no obradoiro compre visitar a páxina web do evento.
Curso de robótica educativa. Nivel intermedio
Este obradoiro ten como obxectivos ampliar os coñecementos das persoas que xa conten con algunhas nocións básicas sobre robótica educativa. Terá lugar os días 4, 5, 11 e 12 de novembro e entre outras tecnoloxías darán a coñecer algunhas baseadas na plataforma Arduino, así como tamén se aprenderá a programar sistemas de sensores e actuadores con Arduino.
Na páxina web do evento pódese atopar máis información sobre o mesmo así como solicitar a inscrición.
A inscrición aos cursos é de balde e debe realizarse antes do venres 28 de xuño a través da plataforma CulturXest.
