Os vindeiros días 26, 27 e 28 de marzo terá lugar a undécima edición da Xuventude Galicia Net, que logo do cambio de localización para o evento coincidente co seu décimo aniversario, este ano regresa ao Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.
Nos últimos anos esta party converteuse nunha plataforma para dar a coñecer os últimos avances tecnolóxicos, e por suposto, para a potenciar o software libre. A novidade deste ano é que os habituais obradoiros que se imparten durante os tres días do evento, están abertos á participación do público en xeral. Son obradoiros gratuítos, nos que poderán participar todas as persoas que estean interesadas en asistir, e non só os usuarios inscritos do evento. O único requisito necesario é apuntarse previamente a través do apartado ‘Obradoiros’ da páxina web do XGN11.
Entre todos os obradoiros dispoñibles hai numerosos sobre software libre. Como podemos ler na web do GLUG, gran parte deles serán impartidos por membros desta asociación, aínda que tamén haberá participación doutras asociacións como GALPon e empresas como Openhost, segundo se ve no programa dos obradoiros. A oferta de obradoiros de software libre é a seguinte:
- Obradoiro de autoedición con software libre. Autoedición co Scribus, impartido por Tomás González Ahola, editor. Breve introdución ao maquetado, edición e preimpresión cun aplicativo libre similar e en moitos aspectos superior á competencia privativa. Sábado 27 de 10:00 a 12:00
- Diseño gráfico con software libre. Introdución ao deseño gráfico co Inkscape, impartido por Denís Fernández Cabrera, deseñador gráfico. Introdución ao programa de deseño vectorial. Venres 26 de 16:00 a 18:00 (Horario por confirmar).
- OpenSSH impartido por Óscar Casal Sánchez, administrador de sistemas. Introdución a OpenSSH, feramenta para facer máis seguras as conexións. Trataranse aspectos como a restrición por usuarios, grupos, IP; uso de chaves públicas e privadas, túneles ssh; manexo de autenticación de identidades; cluster ssh para xestionar varias máquinas á vez. Sábado 27 de 16:00 a 19:00 (Horario por confirmar).
- Virtualización con Virtualbox impartido por Óscar Casal Sánchez, administrador de sistemas. Introdución a esta técnica cada vez máis estendida nos contornos informáticos. Introdución a liña de comandos de Virtualbox; interfaz de Virtualbox; instalación en sistemas debian; tipos de discos duros e configuración; tipos de rede e configuración; teleporting. Sábado 27 á última hora (Horario por confirmar).
- Empaquetado de software e creación de repositorios Debian, impartido por Francisco Diéguez Souto, Ubuntu Member e consultor en software libre. Presentará as ferramentas, principios e metodoloxías aplicadas na creación do novo sistema operativo libre da Universidade de Santiago de Compostela, elaborado pola Oficina de Software Libre da USC.
- Ruby on Rails impartido tamén por Francisco Diéguez Souto. Explicaranse os principios para introducirse no desenvolvemento de aplicativos con esta ferramenta que grazas aos principais principios de Ruby unidos coa sinxeleza de uso fan del un framework moi a ter en conta.
- Presentación de GRUVI-GALPon. Impartida por Miguel Bouzada. Relatorio sobre o traballo do GRUVI-GALPon no reciclado de equipos vellos para seren entregados a ENL/ONG da zona de influencia da Uvigo. Centraranse nos aspectos do software empregado, como a distribución "GALPon MiniNo" e os criterios de selección do resto de aplicativos.
- Presentación de OpenNeMaS. Trátase dun cms desenvolvido por Openhost nunha fase de desenvolvemento moi avanzada. Darase unha presentación xeral do proxecto e dos seus obxectivos dentro de Openhost. Falarase de como desenvolver módulos e templates para o mesmo. A intención de Openhost é liberar este proxecto galego e crear unha comunidade en torno a el de xeito semellante á comunidade de wordpress, difundindo o mesmo entre grupos de empresas, asociacións, … para que poidan achegar ideas, informar de erros ou contribuír ao desenvolvemento.
Fonte: Xuventude Galicia Net e GLUG
