Mancomún

Obradoiros de Software Libre para profesionais no Centro Social Novacaixagalicia en Vigo

Luns, 4 Febreiro 2013

A través da lista de guls soubemos que o Centro Social Novacaixagalicia pon en marcha en Vigo un novo programa de obradoiros dirixidos a profesionais e outras persoas con inquietudes formativas. Este programa consta dunha serie de accións formativas que preténden axudar, reforzar e cubrir as necesidades específicas e especializadas de formación a profesionais, traballadores en activo ou en busca de emprego, recén licenciados e a poboación en xeral. Segundo recolle a nota de prensa da Fundación Novacaixagalicia, os centros na Coruña e Santiago sumaranse proximamente a esta oferta formativa.

Dentro deste programa, un dos bloques está adicado á formación en novas tecnoloxías, web e redes sociais, no que o software libre ten unha forte presencia: Moodle, Linux, Drupal …

Obradoiro Moodle para docentes. Nivel básico. Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nos martes e xoves pola tarde, de 19:15 a 21:15 horas dende o 5 ata o 19 de febreiro.
Moodle é unha plataforma virtual de apoio á docencia que a usan os profesores de todos os niveis educativos para estender a súa acción formativa dentro e fóra da aula. Con Moodle pódese, entre outras cousas, compartir os materiais, axilizar a recepción de traballos, avaliar dun modo diferente ao alumnado, recoller datos de traballos de investigación, etc. Moodle é unha poderosa ferramenta TIC baseada en software libre pensada, creada e deseñada con criterios estritamente pedagóxicos.

Trataranse os seguintes puntos:

  • Que é Moodle e para que serve? Por que é a mellor ferramenta que pode ter un profesor? Exemplos reais de uso de Moodle en educación primaria, secundaria e outros niveis educativos.
  • A interface de Moodle.
  • A xestión dunha materia con Moodle: Menú de administración do profesor / Matricular os alumnos e crear grupos / Xestionar (almacenar e presentar) os arquivos (PDF, Power Point, audios, vídeos…) que utilizas na docencia.
  • Presentación dos contidos da túa materia cun deseño atractivo para os teus alumnos.
  • Obradoiro de módulos básicos de Moodle: Realizar enquisas aos teus alumnos / Uso didáctico e creativo dos foros / Recepción e avaliación dos traballos realizados polos teus alumnos.
  • Gústame Moodle e… agora que? / Que máis podería facer con Moodle?

Obradoiro dar o salto ao software libre é máis fácil do que pensas (Linux) Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nos martes e xoves pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas dende o 5 ata o 19 de febreiro.

Neste obradoiro aprenderáselle aos asistentes como facer o cambio e coñecer todo un abano de posibilidades para o seu uso informático habitual:

  • Sentando as bases do que se coñece como Software Libre.
  • Escollendo o noso sistema operativo e as aplicacións máis habituais.
  • Establecendo o noso escritorio como nos gusta.
  • Configurando todos os nosos dispositivos.
  • O traballo diario dun xeito máis doado.

Obradoiro Drupal. Nivel iniciación Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 4, 11 e 18 de maio de 10:00 a 14:00 horas.

Neste obradoiro os alumnos tomarán contacto cos conceptos básicos da utilización de Drupal como Sistema Xestor de Contidos (CMS) web. O obxectivo é que os participantes poidan, sen ter coñecementos técnicos específicos de programación web, construíren e xestionaren unha páxina web plenamente funcional e atractiva:

  • Introdución: Conceptos básicos da Internet / A web / URLs / Páxinas estáticas vs. páxinas dinámicas / Os xestores de contidos / Drupal.
  • Instalación: Requisitos / Obtendo o software necesario / Instalación nun contorno de proba / Instalación nun contorno de produción / Transferencia de ficheiros ao contorno de produción con FTP.
  • Conceptos básicos: Estrutura xeral dun sitio web con Drupal / Bloques / Menús / Tipos básicos de contidos / Xeración e edición de contido / Organización do contido / Xestión do contido.
  • Temas gráficos: Sistema de temas gráficos en Drupal / Configuración dun tema gráfico / Instalación dun novo tema.
  • Conceptos avanzados: Taxonomías / Content Construction Kit (CCK) / Vistas (Views).
  • Administración: Xestión de usuarios e permisos / Ampliando Drupal: Módulos / Copia de seguridade (Backup).

Obradoiro Drupal. Nivel intermedio. Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 25 de maio e 1 e 8 de xuño de 10:00 a 14:00 horas.

Neste obradoiro afondarase en como tirar máis partido dunha instalación básica de Drupal, facendo que ofreza moitas máis funcionalidades a maiores, de forma que se poida utilizar para propósitos específicos máis alá dunha páxina web, como poida ser un escaparate virtual de produtos, unha intranet corporativa, un sistema xestor de tarefas, etc.

  • Módulo Content Construction Kit (CCK): O módulo CCK permítenos xerar tipos de contidos específicos, podendo implantar fichas cos campos que queiramos. Explicaranse en detalle as distintas formas de utilización deste potente módulo, para xerar fichas de produtos, libros, ou calquera outro tipo de información estruturada.
  • Módulo Views: O módulo Views permítenos xerar complexos listados, enumeracións ou táboas cos datos dos contidos, permitindo un nivel de personalización excepcional na súa presentación. Explicaranse as numerosas opcións deste módulo con exemplos prácticos, implantando listaxes de produtos, táboas de imaxes, filtros, paxinacións, etc.
  • Outros módulos de interese: A potencia de Drupal como software libre reside na gran comunidade de desenvolvedores, que estende continuamente as súas funcionalidades a través de módulos, paquetes gratuítos que implantan funcións novas no sistema. Porén, existen neste momento 19.543 módulos a disposición do público, co que coñecer cales son os máis útiles pode ser unha tarefa intimidante.

Obradoiro Drupal. Nivel avanzado. Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 15, 22 e 29 de xuño de 10:00 a 14:00 horas.

Este obradoiro, é o máis técnico dos tres, está orientado a lograr o máximo nivel de personalización de Drupal, mediante a creación de novas funcionalidades a través da creación dun módulo personalizado ou a personalización completa da presentación de contidos mediante a creación dun tema gráfico personalizado (Theming). Para o aproveitamento deste obradoiro, requírese ter un coñecemento básico de Drupal, así como nocións de programación, e maquetación web (HTML e CSS):

  • Programación de módulos en Drupal: Contorno de desenvolvemento necesario/ Arquitectura interna de Drupal / Rutas internas de Drupal (Paths) / Módulos. Estrutura dun módulo / Hooks do sistema / Funcionalidades das APIs de Drupal / Formularios web con Form API / Persistencia de datos con Entity API / Creación dun módulo personalizado de Drupal consistente nun pequeno asistente de compra.
  • Theming en Drupal: Fluxo standard de presentación / Capas de presentación / O preprocesador / O sistema de modelos e os seus elementos comúns / Creación dun tema gráfico personalizado.

Obradoiro de instalación de servidores domésticos multimedia (Mediacenter). Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nas tardes dos luns do 6, 13, 20 e 27 de maio e 3 de xuño de 19:00 a 21:00 horas.

Os servidores multimedia para uso doméstico (o HTPC) son cada día máis populares e polo tanto é cada vez máis útil coñecer que opcións pon ao noso alcance o software libre. Aprenderase a súa instalación e uso dunha maneira sinxela e entretida intentando que calquera usuario poida levalo a cabo nun PC de gama media. Con este obradoiro o alumno poderá gozar no seu propio fogar do mellor ocio multimedia ao alcance.

Ademais hai outros obradoiros nos que aínda que non tratan especificamente sobre o uso de ferramentas software libre, este si estará presente á hora de impartir a temática específica como seguridade informática, creación de blogs e podcasts…

Todos os obradoiros teñen prazas limitadas. Para coñecer o detalle de prazas e prezo dos obradoiros así como para xestionar a matriculación nos mesmos, debe consultarse a páxina do programa formativo do Centro Social Novacaixagalicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal