Mancomún

Obradoiros de tradución de software libre ao galego en Vigo

Xoves, 18 Outubro 2012
  • A OSL do CIXUG e Trasno formarán a futuros profesionais da tradución na localización de Software Libre ao galego

  • Aberto prazo de inscrición para o público en xeral ata o Domingo 21 de Outubro. De haber quorum suficiente repetirase o obradoiro en aberto.

Os vindeiros días 22 e 26 de Outubro, a OSL do CIXUG, coa colaboración da asociación Trasno, organizan un obradoiro de localización de Software Libre para os estudantes da facultade de tradución da Universidade de Vigo. 50 alumnos desta facultade, repartidos en dous grupos, formaranse nas ferramentas e técnicas para introducirse na tradución de software libre ao galego durante un total de 3 horas cada grupo.

Para optimizar os resultados da formación e incrementar o asentamento das competencias do alumnado na materia, o obradoiro será eminentemente práctico, traballando cada alumno co seu computador. Durante o obradoiro abordarase o ciclo completo de localización dun aplicativo libre, neste caso MyPaint. O aplicativo de TAC (Tradución Asistida por Computador) que se empregará será Lokalize e empregaranse as memorias de tradución e os ficheiros de terminoloxía xerados pola comunidade de tradución ao galego do proxecto Trasno. Por suposto estes recursos están dispoñbles en formatos abertos como son tmx e tbx.
Esta actividade conta tamén coa inestimable colaboración do grupo de investigación Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución.

O Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución (GETLT) desenvolve as suas actividades en aspectos relacionados con:

  • a análise e o fomento do uso do software libre na prática profesional da tradución
  • a análise e o fomento do uso do software libre na formación das persoas que se dedican a esta actividade
  • a visibilidade e a proxeción do traballo desenvolvido polas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres
  • o estímulo a cooperación de estudantes, docentes e profesionais da tradución coas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres.

A maiores, a organización abre un prazo de inscrición para o público en xeral interesado en recibir esta formación no campo da localización e tradución de software libre ao galego. De haber suficientes inscritos, cun mínimo de 15 persoas, realizaríase a formación o mércores 24 de outubro pola tarde nas instalación do Cuvi.

Todos os interesados en inscribirse neste obradoiro do día 24 deben remitir antes do domingo 21 de outubro un correo cos seus datos ao enderezo da OSL do CIXUG: osl@cixug.es.

Estes obradoiros forman parte das actividades que a OSL e o Asociación Cultural Trasno realizan ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal